Antonio Ameijide explica que este axuste de contas de Tomé con Santos débese ao enfrontamento entre a liña de Besteiro e a de Caballero, enquistada aínda máis tralas declaracións do concelleiro socialista recriminando ao presidente da Deputación a súa actitude sobre a vestimenta de Elena Candia.
O vicevoceiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Antonio Ameijide, asegura que a reclamación que a Deputación realiza ao Concello por non executar a praia fluvial obedece unicamente a unha ‘vendetta’ persoal de José Tomé con Álvaro Santos.
Antonio Ameijide explica que o ente provincial esixe a Méndez e Arroxo que devolvan a subvención de 225.385€ por non executar esta zona pública de baño no Miño, e seguramente non sexa casual e débase ás liortas internas do PSOE, aínda máis enquistadas tralas declaracións públicas do presidente da Deputación sobre a forma de vestir da deputada e presidenta provincial do PP, Elena Candia.
Santos criticou duramente a Tomé por esas declaracións e agora o presidente provincial toma o seu desquite esixindo a devolución deses cartos. “Vemos como o PSOE segue a castigar aos lucenses polas súas liortas internas. Vemos como a dualidade Caballero-Besteiro segue a pasar factura a Lugo. Os socialistas en lugar de axustar contas na súa sede utilizan as institucións públicas para facer unha guerra de bandas”, sentenciou.
A praia fluvial de Lugo, sine die
O peor da liorta interna do PSOE é que Lugo tampouco terá este verán unha zona pública de baño, que se debe unicamente á desidia de Lara Méndez e Rubén Arroxo, xa que non presentaron a documentación para solicitar a praia fluvial para a cidade, a pesar de ter concedido o permiso da Confederación Hidrográfica.
O 4 de novembro de 2020 a Confederación Hidrográfica autorizou ao Concello a instalar unha zona pública de baño no Miño entre o 15 de xuño e o 15 de setembro, pero nin Lara Méndez nin Rubén Arroxo fixeron nada dende o Concello de Lugo para contratar o acondicionamento desta zona.
Ademais desta autorización, tamén precisa o visto e prace de Sanidade, que ten que certificar que a zona elixida cumpre con todos os requisitos sanitarios e non hai riscos para a saúde pública. Pero nin rexedora nin vicealcalde realizaron ante Sanidade a solicitude para inscribirse no rexistro galego de zonas públicas de baño, que rematou o 1 de febreiro, como cada ano.
Para o vicevoceiro popular “non hai auga suficiente no Miño que lave” nin a Méndez nin a Arroxo, xa que son os únicos que poden facer que Lugo e os lucenses teñamos unha zona pública de baño no río, ao igual que moitos outros concellos da nosa contorna, coma Outeiro de Rei ou O Corgo. “Da alcaldesa podiamos agardar algo así, pero o certo é que pensábamos que Arroxo tería algo máis de amor propio e loitaría polo que era o seu proxecto estrela da campaña electoral”, sinala o popular, recordando as fotos que se realizou o nacionalista na beira do Miño reclamando esta dotación para Lugo cando estaba na oposición, chegando incluso a presentar un proxecto ante a Confederación Hidrográfica, convidando aos lucenses a presentar alegacións ao mesmo no período de exposición pública.
O que queda claro, segundo confirma Antonio Ameijide, é que Rubén Arroxo e o BNG son o “socio perfecto” para Lara Méndez, o seu “convidado de pedra necesario” para poder facer e desfacer ao seu antollo e seguir paralizando Lugo.