O voceiro do Grupo Municipal do PP Antonio Ameijide ve “inaceptable” que Lara Méndez dea vía libre a unha nova suba do prezo/hora dos aparcadoiros soterrados, que aumentaron nos últimos anos ata 33 céntimos por hora, pese a que aínda non acometeu a ampliación das prazas de estacionamento destes aparcadoiros que anunciou hai xa dous anos
O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Antonio Ameijide, denuncia que Lara Méndez permite que os aparcadoiros soterrados de Lugo experimentaran un aumento do prezo/hora dun 22% nos últimos anos, mentres os vehículos seguen sen caber nas prazas.
Antonio Ameijide explica que, desde o ano 2007, o prezo/hora dos aparcadoiros soterrados da cidade aumentou en 33 céntimos, o que demostra cal é a “verdadeira intención” dos socialistas no que a mobilidade se refire, xa que cada ano aproban “sen falta” o incremento do prezo dos aparcadoiros soterrados, pero seguen sen “acometer a ampliación das prazas”, malia que o anuncio o fixo a alcaldesa en febreiro de 2017, hai case dous anos e “non fixo nada” neste senso.
Para os populares, a suba no prezo dos aparcadoiros soterrados trátase dunha consecuencia máis da “nefasta” capacidade negociadora de Lara Méndez, xa que antes de acadar a esperada ampliación das prazas de estacionamento asina un novo incremento anual do prezo.
Neste senso, Antonio Ameijide destaca que durante os últimos catro anos de Lara Méndez á fronte do Concello de Lugo a mobilidade quedou xa “nun terceiro ou cuarto plano” xa que de todas as medidas anunciadas aínda non realizou ningunha. “Seguimos agardando a que poña en marcha un sistema rotatorio de vehículos para facilitar o aparcamento, a que acometa a ampliación das prazas dos aparcadoiros soterrados, pola reforma do transporte urbano ou polos aparcadoiros disuasorios, pero a realidade amosa que o único que fixo Lara Méndez pola mobilidade en Lugo foi empeorala”, finalizou.
Por iso, desde o Grupo Popular se realizarán preguntas ao goberno local para saber en que situación se atopan os principais problemas de mobilidade deste Concello (situación na que se atopan os aparcadoiros disuasorios, sistema ORA, transporte urbano e ampliación das prazas dos aparcadoiros soterrados).