O voceiro do Grupo Municipal do PP Antonio Ameijide lamenta que Lara Méndez unicamente se dedicase a “divagar” sobre o que terían que facer outras administracións en Lugo xa que non ten “ningunha realidade” que defender da súa xestión despois de case catro anos nos que a rexedora detivo a Lugo no tempo
O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular, Antonio Ameijide, evidenciou, durante o debate do Estado da Cidade, a situación do Concello de Lugo cunha metáfora aproveitando o Nadal ao dicirlle á alcaldesa “estamos en pleno Nadal e vaia belén ten vostede aquí montado Señora Méndez”.
Para os populares a política dos socialistas nos últimos anos caracterizouse pola “improvisación, os bandazos e os faroles” da alcaldesa, afirmacións que se viron reflectidas “na primeira folga de funcionarios en corenta anos; nos faroles como o da zona verde onde están as torres do Garañón ou o patinazo do apagón do alumeado de Nadal”.
O popular acusou a Lara Méndez dunha falta total de autocrítica, e cualificouna como a alcaldesa que porá fin a 20 anos de socialismo en Lugo, xa que dixo será “a Susana Díaz lucense”.
Para o voceiro dos populares estes catro anos de Lara Méndez á fronte do Concello de Lugo foron tempo perdido para a cidade e os lucenses, xa que “nin arranxaron, nin foron capaces de solucionar os problemas herdados nin dar solucións as infraestruturas prometidas desde hai anos e que os lucenses seguen a agardar”. “Pero, o máis indignante, é Lara Méndez xerou novos problemas a raíz de nefastas e improvisadas decisións como a supresión da ORA, sen dar unha alternativa”.
Antonio Ameijide destacou que a “pouca credibilidade” que tiña Lara Méndez borrouna “ela mesma” dun golpe ao optar por unha “dubidosa” estratexia, como foi a de “contar constantes faroles”. “A pouca credibilidade que lle quedaba á alcaldesa xa desapareceu e cando remate acabe o mandato quedará retratada xa que se verán todas as súas mentiras”.
Para os populares, o ano 2018, ao igual que os anteriores, foi un ano perdido porque a alcaldesa non foi capaz nin de remontar, nin de recuperar o bo nome do Concello ao optar, a rexedora, por unha estratexia de “división” entre o persoal municipal, o que desembocou na primeira folga de traballadores municipais en corenta anos. “Seguimos inmersos no mesmo caos organizativo, ou incluso peor, que hai doce meses e continúa degradándose a imaxe da institución e, por tanto, a imaxe de Lugo. Estamos moito peor que cando chegou”, afirmou.
E todo porque Lugo tivo durante estes últimos anos unha alcaldesa que “non quería nin selo” e que tivo que renderse “ás esixencias” dos grupos de esquerda que a puxeron na alcaldía. Por iso, Lara Méndez será recordada coma unha alcaldesa “covarde, que deu as costas aos cidadáns en numerosos asuntos, como os okupas ou as cámaras de videovixianza”.