Javier Vázquez apunta que “a súa estratexia de constante confrontación converteuse na marca deste goberno de Lugo. Xa estabamos acostumados á crispación que PSOE e BNG do Concello de Lugo fan contra a Xunta para tapar as súas medias verdades. Pero agora sorpréndennos e dán un paso máis: torpedean unha acción positiva, por sectarismo político, e cancelan unha proposta que pretendía dar visibilidade ao Arde Lucus.”
“A proposta da Xunta era levar as tropas do Arde Lucus a desfilar en Madrid e participar nunha recepción en Fitur, unha das principais feiras de turismo do mundo. Era unha gran oportunidade para promocionar o evento e a cidade.”
O concelleiro do PP explica que “o Arde Lucus é moito máis ca unha festa. É o símbolo do noso orgullo como lucenses e unha riqueza inmaterial que pertence a todos nós. Esta festa non é patrimonio de ningún partido político, non ten pai nin nai, é de todos”.
Por este motivo o popular non entende “o sectarismo do Concello de Lugo, que cancela unha iniciativa que partiu, ademais, das propias asociacións implicadas no evento.”
O concelleiro popular pregúntase se socialistas e nacionalistas actuarían do mesmo xeito se esta proposta viñese do Ministerio ou da Deputación reflexionando que “aquí, o único que vexo é un ataque contra a Xunta, e quen perde é Lugo”
Por último afirmaba que esta actitude era inaceptable “o goberno local nin come, nin deixa comer” indicando que o Arde Lucus merece o apoio de todos, sen importar quen propoña as iniciativas. É hora de pensar en Lugo e non en intereses políticos.”