O vicevoceiro do Grupo Municipal do PP Antonio Ameijide esixe a Lara Méndez máis preocupación pola imaxe da cidade e por coidar os espazos verdes da cidade e porque se manteñan limpos os solares, tanto privados como públicos, para evitar que a maleza siga a medrar sen control e invada as beirarrúas
O vicevoceiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Antonio Ameijide, critica a nula preocupación de Lara Méndez por manter a cidade cun mínimo nivel de mantemento e limpeza, mentres centra os seus poucos esforzos en facerse fotos en cada paso da construción dun edificio de madeira.
Antonio Ameijide recolle as queixas de moitos lucenses, fartos de ver como a maleza invade beirarrúas ao sobresaír de valados e muros de fincas, mentres a alcaldesa e o seu equipo de goberno miran cara outro lado e non fan nada por corrixir unha situación que nunca debería de suceder.
Entre estes exemplos de insalubridade e risco de incendio, pódense destacar numerosas propiedades por todo o municipio, sobresaen varias parcelas moi próximas á Muralla e ao casco histórico:
- Rúa Cidade de Viveiro e Rúa Isaac Díaz Pardo: un solar no que a vexetación medrou sen control e invade a beirarrúa de ambas rúas.
- Ronda da Muralla coa Rúa Montero Ríos: un dos solares nos que a vexetación medrou sen control e que se converteu non foco insalubre ao estar tamén repleto de lixo.
- Rúa Castelao: un solar cheo de vexetación que, cada poucas semanas, supera o muro invadindo a beirarrúa.
- Rúa Anduriñas coa Rúa Doutor Gasalla: outra das esquinas tradicionais da cidade nos que a maleza chega a rúa impedindo o paso dos peóns.
- Rúa Noriega Varela coa Ronda da Muralla: solar no que a vexetación invade periodicamente a parte reservada á circulación dos peóns, nunha zona na que non hai beirarrúa como tal.
- Rúa do Carme: a imaxe desta rúa, onde a vexetación invade a súa parte superior periodicamente é o mellor exemplo do abandono municipal que sufriu este senlleiro barrio nos últimos anos.
Unha situación que “nunca se debería de permitir” e que debería de facer reflexionar moito ao equipo de goberno, quen ten a obriga de garantir a limpeza, a salubridade e a seguridade nos terreos do municipio. Neste senso, Antonio Ameijide explica que o ‘Green Vancouver’ do que Lara Méndez presume e di que quere acadar para Lugo debería de comezar por ter unha cidade limpa e as zonas verdes en boas condicións para o disfrute dos lucenses, en lugar de tentar tapar as súas carencias coa construción dun edificio de madeira que, visto o visto, “terminará por converterse nun novo espacio baleiro de contidos” ao igual que o son o MIHL, o Vello Cárcere ou todas as instalacións municipais abandonadas polos socialistas.
Unha situación que se engade á pasarela que se está a construír sobre a N-VI, xusto entre dous pasos inferiores, un “dispendio” de diñeiro público xa que un dos pasos inferiores está en boas condicións e o outro, vai a ser arranxado nas próximas datas, polo que non se entende que se dilapide máis dun millón de euros nunha pasarela.