Antonio Ameijide ve pouco verosímiles as explicacións dadas polo goberno local, que se escudan en que o caudal ecolóxico do río non correu perigo e que a auga depurada se empregará para a rega de xardíns e para o baldeo de rúas cando cheguen os novos camións do servizo municipal de limpeza, algo que a priori non ten nada que ver
A comezos de agosto, cando a situación de seca era moi preocupante en Lugo, desde o Grupo Municipal do Partido Popular realizouse unha proposta en positivo ao goberno local para “utilizar mellor” os recursos hídricos dos que dispón o Concello de Lugo e para reverter a auga depurada ao Miño nun punto máis alto para que o caudal do río ao seu paso pola cidade fora maior.
Unha proposta que, case dous meses despois, atopouse cun “non se dan as circunstancias necesarias” para desenvolvela por parte do goberno local. Unha proposta que unicamente persegue que para determinadas tarefas como a rega dos xardíns ou baldeo das rúas, ou determinadas actividades industriais, permitindo un considerable aforro de auga potable e evitando a sobre explotación dos recursos hídricos do Miño.
Antonio Ameijide explica que “as escusas” que deron nesta ocasión para non atender esta proposta do PP son cando menos curiosas, xa que aludiron a que están agardando a que cheguen os novos camións do servizo municipal de limpeza para comezar a usar auga depurada en lugar de reservar a auga potable para o consumo humano e que o caudal ecolóxico do río non correu perigo. “Pode que estas escusas débanse a que saben que o sistema non funciona”, indicou.
Calquera persoa é perfectamente consciente de que os camións actuais e os novos empregan o mesmo tipo de sistemas de carga de auga, polo que, que o concelleiro se negue ao uso de auga reciclada é unicamente por falta de vontade e sensibilidade co medio ambiente. Por non falar de que esta escusa é outra mentira ridícula ou intento de engano máis por parte do PSOE aos lucenses.
A proposta lanzada polos populares é moi sinxela: activar de inmediato a instalación para recuperar, poñer en valor e recuperar a auga depurada. Con este sistema, que se comezou a instalar en Lugo no ano 2008, o municipio daría un dos mellores exemplos posibles “regulando o uso da auga potable para uso humano, deixando a auga depurada para outros fins como a rega, o baldeo das rúas ou mellorar a imaxe do río devolvendo a auga río arriba”.
No Concello de Lugo o ciclo da auga funciona do seguinte xeito. A potabilizadora recolle auga do río nun punto en concreto, facilitando o seu uso para as persoas, mentres que a depuradora está río abaixo, onde se trata a auga para que poida volver ao río en boas condicións. Este sistema garante que se devolva ao río unha parte importante da auga que se recolle, pero moito máis abaixo.
O Concello de Lugo ten instalado un sistema de bombeo de auga para que a auga depurada poida volver ao río nun punto superior, preto da zona de captación, para que o caudal sexa regular durante un percorrido maior, así como impulsar a auga reciclada dos depósitos, un deles na zona da Piringalla e outro no polígono do Ceao “un sistema que agora se pode poñer en funcionamento para devolver a auga depurada xusto despois da captación e así garantir un caudal ecolóxico”. “Hai anos que Lugo conta con este sistema, pero salvo a proba de funcionamento que se fixo na instalación, nunca se empregou, quizais porque a alcaldesa e o responsable de Medio Ambiente descoñecen da súa existencia e a súa vital importancia en épocas de seca como a que estamos a vivir”, lamentou.
A canalización cara a antiga potabilizadora realízase por unha tubaria que percorre o río pola marxe dereita do río e que o cruza nas inmediacións da antiga estación de tratamento. Un sistema que está listo dende o ano 2011, pero que aínda non se puxo en marcha.