EconomíaTransparencia

O PP esixe a comparecencia de Méndez para que explique o uso fraudulento dos Mupis malia as reiteradas advertencias dos funcionarios

By 16 Xaneiro, 2019Sin comentarios

O voceiro do Grupo Municipal do PP Antonio Ameijide afirma que Lara Méndez non fixo nada por regularizar o contrato das marquesiñas públicas de publicidade e mupis a pesar de que o xefe de contratación enviou reiterados correos electrónicos á alcaldesa, á concelleira de Economía e ao xefe de gabinete de alcaldía alertando das irregularidades detectadas neste contrato

O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Antonio Ameijide, anunciou hoxe en rolda de prensa que pedirá a comparecencia de Lara Méndez en pleno para que dea as explicacións oportunas sobre os motivos que tivo para “facer oídos xordos” as reiteradas advertencias enviadas por traballadores municipais sobre o uso fraudulento que se estaba a facer das marquesiñas municipais de publicidade e da necesidade de sacar a licitación deste contrato.

Antonio Ameijide afirma que nesta ocasión á alcaldesa non lle van valer as evasivas nin alegar descoñecemento xa que “nos consta” que hai unha serie de correos electrónicos remitidos á Lara Méndez, á concelleira de Economía e, incluso, ao xefe de gabinete de alcaldía alertando da situación de caducidade na que se atopaba o contrato da marquesiñas de publicidade e dos mupis e do uso fraudulento que se realizaba dos mesmos.

O voceiro popular desvela que o xefe de contratación enviou unha providencia á alcaldesa, sete meses antes de que caducara o contrato, para alertarlle do próximo vencemento do mesmo polo que a convidaba a iniciar o proceso de licitación do novo contrato “con antelación suficiente”.

Máis tarde, o 19 de febreiro de 2017, o xefe de contratación resposta a unha serie de preguntas da concelleira de Economía, Ana Prieto, asegurándolle que os elementos de publicidade obxecto deste contrato son propiedade municipal e o Concello ten que sacar adiante o novo contrato de publicidade. Respostas remitidas a través dun correo electrónico que tamén se enviou ao xefe de gabinete de alcaldía, persoa que respondeu, “quizais máis preocupado por engrosar a candidatura socialista ás municipais que por facer o seu traballo”, que o contrato de publicidade “é un dos que fai cidade e que hai que facer algo bo”, pero non explicou “nin cando nin como”.

Correos electrónicos do xefe de contratación que seguen a alertar da situación, como o remitido o 9 de novembro de 2017, no que se advirte que o Concello tería que garantir “o uso non fraudulento” destes elementos municipais de publicidade. Incluso, o 27 de febreiro de 2018, xa é un técnico de contratación o que alerta desta mesma situación ao comprobar como se están a cambiar os carteis destes elementos publicitarios a pesar de estar o contrato caducado.

Antonio Ameijide asegura con rotundidade que se demostra que nin Lara Méndez nin ninguén do goberno local teñen “interese” en regularizar a situación na que viven os contratos no Concello de Lugo. “As reiteradas advertencias que se remitiron a Lara Méndez, Ana Prieto e o xefe de gabinete de alcaldía demostran que están a permitir un enriquecemento ilícito da empresa coa complicidade do goberno local, por iso mesmo queremos que Lara Méndez compareza no pleno para dar explicacións sobre os motivos de permitir este uso irregular”, afirmou o popular.

O voceiro municipal popular recorda que o PSOE e Liñares xa se movían con comodidade no sector publicitario, motivo polo que “foron investigados”, polo que pregunta a Lara Méndez se segue a liña marcada desde hai anos porque “á vista está” que non fixo nada por regularizar o contrato das marquesiñas de publicidade.

A solicitude de comparecencia vén forzada pola “ausencia de explicacións públicas” de Lara Méndez neste asunto e tamén nas irregularidades detectadas no aparcadoiro público da praza Viana do Castelo.

Ademais, o voceiro popular tamén confirmou que trasladará a documentación deste caso aos servizos xurídicos do PP para preparar a documentación e entregala nos xulgados lucenses xa que “é un caso claro de neglixencia e unha posible prevaricación” e que se xuntará á denuncia penal en curso, que presentou o PP contra a alcaldesa polos contratos caducados, por presunta prevaricación e malversación de fondos públicos e que xa ten dilixencias abertas.

Responder

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies