Os populares ven imprescindible que Rubén Arroxo dea luz verde ao cambio de autobús de xeito gratuíto xa que as novas liñas realizan percorrido máis curtos e os usuarios habituais do transporte urbano teñen que cambiar agora de bus para realizar os mesmos percorridos que facían ata hai uns días
O primeiro día de funcionamento das novas liñas de bus urbano xerou numerosas queixas entre os lucenses que, pese a que as viaxes foron de balde, xa botaron contas do que lles custarán a partir de agora os seus desprazamentos no transporte público lucense.
Os populares recolleron numerosas queixas de veciños e veciñas que lle trasladaron o seu malestar polos novos traxectos que realiza o bus urbano, xa que, en moitos casos teñen que reorganizar os seus desprazamentos “de cero” xa que non recibiron comunicación oficial por parte do Concello de Lugo sobre os novos traxectos. “Vemos como moitas das queixas se centra no total descoñecemento das novas rutas. Hai veciños que non recibiron información algunha, mentres outros viron como nos seus buzóns apareceu unha carta coa foto de Rubén Arroxo”, lamenta.
Os concelleiros populares comprobaron en primeira persoa o malestar dos lucenses, xa que esta mesma mañá realizou diferentes percorridos nas liñas de bus urbano para constatar as queixas. Neste senso, viu como hai veciños que viven na zona norte e que traballan no barrio da Ponte, que antes unicamente precisaban dun bus (a antiga liña 2) pero que agora teñen que coller dous ou tres liñas diferentes, en función da zona na que vivan.
Esta situación provocou moito malestar entre os cidadáns, xa que moitos viron como pasaron de pagar 64 céntimos (tendo en conta o viaxe ordinaria, pero cos bonos o custe sería de 45 céntimos) a pagar 1,92€ (0,10€ no caso de estar bonificada a viaxe). “Falamos de que un lucense que viva en Albeiros e traballe na Ponte ou queira ir ao cemiterio pasará a pagar o dobre en cada viaxe”, criticou.
Neste senso, Ameijide recorda o acordo plenario de xaneiro deste ano, a instancia do Partido Popular, polo que se aprobaron os transbordo gratuítos e a gratuidade do servizo para menores, parados, xubilados e persoas con escasos recursos. Un acordo que tivo os votos a favor de Rubén Arroxo. “Non entendemos os motivos de non aplicar esta medida. Non ten explicación posible”, lamentou o popular.
Unha situación ante a que o Grupo Popular se plantexa elevar unha nova iniciativa ao pleno para forzar ao goberno local a explicar os motivos de non aplicar este tipo de medidas que unicamente redundarán nun beneficio para os lucenses e a súa economía.
Exemplo
Os concelleiros populares comprobaron as queixas chegadas por parte de veciños de Albeiros que traballan no barrio da Ponte ou que van ata o cemiterio.
Os populares colleron a liña 12 na rúa Fisterra e baixaron na Ronda da Muralla (na parada de Obras Públicas). Alí fixeron transbordo cun bus que os levou ata Ramón Ferreiro(neste caso a liña 6), zona na que pasa a liña 10 (que vai ata o cemiterio). A sorpresa para os populares é que se cobrou por todos os transbordos que realizaron.
No caso de ter unha tarxeta do bus 19 céntimos (10 se está bonificada), pero se o usuario non ten tarxeta do bus ten que sacar un novo billete. Deste xeito, un veciño da rúa Fisterra que queira ir a barrio da Ponte e non teña tarxeta paga 1,92€.
Se o transbordo fose gratuíto o custe sería de 0,64€.
Sen transbordo gratuíto o custe foi de 1,92€.