Os concelleiros do Grupo Municipal do PP revisaron o aseo que se realiza nos parques infantís da cidade, tras recibir queixas veciñais neste asunto, e comprobaron como as zonas de xogos para nenos están, en moitos casos, cheas de excrementos de paxaros, certificando unha total ausencia de mantemento
Unha das grandes carencias do goberno local de Lugo, senón a maior delas, é o nulo mantemento que se realiza do municipio, xa sexan rúas, estradas, infraestruturas ou zonas verdes, un total desinterese que agora ten como gran exemplo os parques infantís da cidade.
Nos últimos días, varios veciños da cidade puxéronse en contacto cos concelleiros populares para denunciar “o pésimo e lamentable estado” que presentaban as zonas de xogo infantil, con moitos dos xogos totalmente cubertos de excrementos de paxaros. Unha situación que os propios veciños denunciaron a través das redes sociais, pero que, lonxe de activar ao goberno de Lara Méndez, sorprendeu aos propios denunciantes ao ver como o goberno local mirou cara outro lado.
Ante a denuncia realizada por estes veciños, os concelleiros populares revisaron diferentes zonas de xogo infantil da cidade. No parque Rosalía de Castro comprobaron, como efectivamente, a zona de xogos infantil está chea de excrementos de paxaros, facendo imposible que ningún neno puidese xogar nese punto.
Situación idéntica hai no parque de Frigsa. As zonas de xogo infantís e biosaudables para maiores están cubertas de verdín, musgo e excrementos de paxaros, o que imposibilita o uso destas zonas. Para os populares tamén é curioso como, por exemplo, o muro exterior na zona da Avenida da Coruña, á altura da zona de petanca, está cheo de excrementos. “Neste punto non se trata de algo puntual, dun ou dous días sen limpar, senón que falamos de semanas xa que a capa de excrementos acumulados ten varios centímetros de altura”, apuntan.
Outra zona en idénticas condicións é a Fonte dos Ranchos, onde hai outras dúas zonas e xogo infantís. Neste caso, os bambáns están nun estado aceptable, pero o problema está nos bancos, totalmente cubertos de excrementos.
Diferentes imaxes que reflicten unha mesma realidade, denunciada dende hai moitos anos polo Grupo Municipal do PP: o total pasotismo do goberno local no que se refire ao mantemento da cidade, xa sexa á hora de realizar calquera tipo de reparación ou para esixir ao departamento oportuno a correcta limpeza da cidade.