Mari Teijeiro forzará aos socialistas a aclarar canto tempo estivo fóra do control dos monitores da ocioteca, canto tardou o Concello en informar aos pais da súa ausencia e se existen protocolos de actuación para sucesos deste tipo ou accidentes de menores
A concelleira popular Mari Teijeiro esixirá na Comisión de Benestar Social que se celebrará este xoves 23 que o goberno municipal dea explicacións pola fuga do neno da ocioteca do Maruja Malllo, acontecida a comezos de mes.
En concreto, a edil popular preguntará por aspectos como a demora no aviso aos pais do menor e a forma na que se realizou esta comunicación, canto tempo permaneceu o neno fóra de control dos monitores da ocioteca municipal ou se o Concello de Lugo conta con algún protocolo de actuación para sucesos deste tipo ou accidentes de menores ao coidado do Concello en dependencias municipais.
Así mesmo, Mari Teijeiro interesarase por coñecer se a ausencia do menor foi detectada polo persoal do servizo e en que circunstancias se produciu, así como as actuacións realizadas e as medidas de control e seguridade que existen nestes intres nos equipamentos e instalacións muincipais destinadas a ocioteca.
Ademais, os populares tamén interpelarán aos socialistas pola ratio de atención de nenos por monitor, a formación dos técnicos ao coidado dos menores nas ociotecas municipais, así como se existen nenos e nenas con necesidades específicas e, de ser o caso, se hai persoal de reforzo ao seu coidado. Ao mesmo tempo, os edís do PP ven “incomprensible” que a concelleira responsable do goberno “tardara varios días en ser informada deste feito, máxime tendo en conta que ten o seu despacho neste centro”.
Por último, Mari Teijeiro reclamará ao goberno que informe de se ten previsto reforzar a seguridade ou implantar novos mecanismos de control “para garantir unha maior tranquilidade ás familias”.
Praza de estacionamento en María Mariño.-
Por outra banda, tamén nesta reunión os populares reclamarán aos socialistas que habiliten máis prazas de estacionamento para persoas con discapacidade nas inmediacións da Casa María Mariño que alberga a varias asociacións de carácter social de Lugo. “Tendo en conta que algunhas persoas que acoden a diario a este centro teñen mobilidade reducida e non poden estacionar os seus vehículos ao atoparse as prazas xa existentes ocupadas, o que pedimos é que se incrementen estes espazos reservados para eles”, apuntou Mari Teijeiro.