O edil popular Antonio Ameijide solicita ao goberno municipal que proceda a “dar unha solución definitiva” aos veciños da rúa da Rocha, “que levan anos agardando por un problema que se agravou logo da tormenta do xoves pasado”
O concelleiro do Grupo Municipal do Partido Popular Antonio Ameijide esixiu esta mañá ao goberno municipal que proceda ao arranxo “urxente” dunha fuga de augas fecais en Rúa da Rocha, vía paralela á Duquesa de Lugo e nas inmediacións do Río Rato.
Tal como explicou o popular, “trátase dun problema que os veciños da zona levan sufrindo moitos meses”, polo que insta aos socialistas a “unha solución definitiva”, posto que “a situación agravouse tras a forte tormenta do xoves pasado”. Nesa liña, Antonio Ameijide indicou que “é unha situación que periodicamente se repite, cada vez que se produce unha tromba ou se suceden varios días con chuvias”. Deste xeito, o responsable de Infraestruturas do Grupo Municipal do Partido Popular apuntou que “ademais do olor nauseabundo que se desprende desta arqueta que continuamente se levanta, tamén saen augas fecais e residuos que contribúen a que o impacto sexa máis forte”.
Por último, Ameijide detallou que “non se trata só do risco de contaminación da zona e do cauce, senón que tamén está a destrozar o paseo do Rato e a provocar unha notable situación de insalubridade”. Así mesmo, indicou que “ao evidente malestar dos veciños por esta circunstancia que viven engádese o seu descontento polo feito de non teren sido recibidos por parte de ningún membro do goberno”.