Medio Ambiente

O PP esixe o arranxo e limpeza do Paseo do Miño, cheo de fochancas e con farolas do alumeado público tiradas no camiño

By 7 Decembro, 2020Sin comentarios

O vicevoceiro do Grupo Municipal do PP Antonio Ameijide denuncia o mal estado no que se atopa o Paseo do Miño, sobre todo no treito comprendido entre o antigo restaurante O Muíño e o Balneario, unha zona moi deteriorada e que pode supoñer un grave perigo para a integridade dos centos de lucenses que a diario pasan por esta zona xa que as vallas están rotas e ata a maleza invade o camiño ao caer dende a N-VI

O concelleiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Antonio Ameijide, pide ao goberno local que se tome en serio a proposta, realizada en infinidade de ocasións dende este grupo municipal e pola cidadanía en xeral, para arranxar o Paseo de Miño.

Explica Antonio Ameijide que se trata dunha das grandes zonas verdes da cidade, pero que amosa unha gran falta de mantemento. Urxe unha renovación da zona destinada ao paseo dos cidadáns, xa que en moitos puntos presenta fendas e fochancas que provocan tropezóns e caídas entre os usuarios. “Vemos que hai zonas que están en bo estado, pero outras nas que o paso é complicado debido ás fochancas que hai ou, outras zonas, nas que a terra foi desaparecendo e o camiño é unha morea de pedras que dificultan o tránsito”, explicou.

Pero o abandono do goberno local con esta zona verde chega ao extremo de que nas últimas datas comezan a aparecer tirados elementos que non debería de haber. Entre estes obxectos, sobresae unha farola tirada ao carón do antigo restaurante O Muíño que “non se sabe como chegou ata aquí, pero que semella o goberno local quere que se integre coa paisaxe xa que nada fixeron por retirala”, sinalou.

Tamén é preciso repoñer as varandas que hai ao longo do paseo, xa que hai puntos nas que desapareceron ou, directamente, caeron ao río sen que se fixera nada por repoñelas e asegurar as partes que aínda resisten a duras penas.

A limpeza é outra das eivas que presenta esta zona verde da cidade. Urxe unha campaña de concienciación social para evitar a proliferación de imaxes “que non nos gustan” como máscaras de protección tiradas polo chan ou na vexetación, que en varios treitos invade o paseo, e tamén unha mellora na limpeza, xa que cómpre retirar os desperdicios que hai no paseo e tamén un tronco de grandes dimensións que leva varios meses tirado no acceso que hai dende este paseo á ponte branca que cruza o Miño. “É necesaria unha mínima preocupación por ter todos os espazos públicos destinados aos cidadáns nun mínimo estado de mantemento e máis nun espacio coma este, frecuentado cada día por centos de lucenses para pasear ou facer deporte”, afirmou.

Un paseo no que tamén hai que realizar algunha actuación pendente, como o arranxo das mallas instaladas nas zonas de madeira para evitar esvaróns aos usuarios ou a dotación de alumeado nas zonas que aínda carecen del, xa que pola noite é moi doado tropezar e caer ao chan.

Non se esquece o vicevoceiro popular da unión dos paseos do Miño e do Rato, algo para o que é necesario adquirir os case 40.000m2 que separan ambas zonas e que na actualidade son unha gran acumulación de maleza, pero que permitiría a consolidación dun gran parque periurbano que atenda as necesidades recreativas e de ocio da poboación lucense, formando un anel verde que dará continuidade ós sendeiros, instalacións deportivas e de ocio ó aire libre.

Responder

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies