ObrasTráfico

O PP esixe que os terreos para a rotonda de Afonso X se entreguen neste mes

By 11 Novembro, 2016Sin comentarios

 O voceiro popular, Jaime Castiñeira, pide aos socialistas que, “se é posible”, inclúan na orde do día do pleno extraordinario do luns a posta a disposición do Ministerio de Fomento dos metros necesarios “para non perder tempo nunha actuación urxente”

O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular, Jaime Castiñeira, esixe ao goberno local que poña a disposición do Ministerio de Fomento os terreos precisos para a conversión en rotonda da intersección entre a N-VI e a Afonso X, “un dos puntos máis conflitivos de todo o Concello”.

Nese senso, Castiñeira insta aos socialistas a “aproveitar a oportunidade” que supón para este trámite a convocatoria do pleno extraordinario deste luns día 14, no que se abordará a aprobación inicial das ordenanzas fiscais de 2017 e a comparecencia do voceiro socialista en relación á situación na que se atopa a zona ORA. “Hai que ter en conta que estamos diante dunha solicitude da que se leva falando moitos anos e dunha petición cuxas necesidades tanto de dimensións como de ubicación son amplamente coñecidas”, apunta o popular, ao tempo que subliña que “non podemos perder de vista que é un escrito que o Ministerio remitiu hai máis de dúas semanas, polo que o Concello tivo tempo de sobra para ter reaccionado”, polo que urxe aos socalistas a “non perder tempo nunha actuación urxente, con evidentes repercusións na seguridade e na comodidade do tráfico”.

Deste xeito, o voceiro popular solicita que “se avalíe, tecnicamente, a posibilidade de incluír pola vía de urxencia este punto na orde do día da sesión do 14 de novembro” e reclama que “de non ser posible, en todo caso, esta cesión non se prolongue máis aló do pleno ordinario que se celebrará nun par de semanas, o xoves 24”.

Primeiro paso dunha actuación “máis completa”.-

Así mesmo, o representante popular subliña que a conversión en rotonda do cruce entre Afonso X e a Nacional VI “é un primeiro paso importantísimo dunha acción máis completa, á que, evidentemente, non renunciamos”, en referencia ás outras dúas intervencións incluídas no proxecto do Ministerio de Fomento, cuxo importe ascende a 4 millóns de euros: a ampliación nun carril da estrada en dirección Madrid entre a ponte branca e a nova rotonda; e un vial de conexión coa rúa Santiago, “sen destrozar o parque Marcos Cela, impedindo así o que foi sempre obxectivo do PSOE de Lugo nun despropósito que combatemos firmemente dende o Grupo Municipal do PP, con acordos plenarios para blindar a zona verde en abril de 2011, maio de 2010 e xuño de 2009”.

Por último, o popular lembra que o goberno central remitira ao Concello de Lugo os planos relativos á actuación a mediados de xullo de 2015, momento dende o que “os socialistas nin sequera foron quen de sentarse a avaliar a proposta con algún interlocutor do goberno”. “En definitiva, o que pedimos é que o goberno municipal deixe de bloquear e de boicotear esta obra”, conclúe. 

Responder

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies