O Partido Popular amosa a súa preocupación porque nas carteleiras de todo o verán “nas quendas de noite non quedou ninguén de garda” indicando que “incluso houbo tardes sen persoal de garda”
O Partido Popular denuncia que non se están cubrindo as 24 horas de atención presencial ou telefónica ás mulleres maltratadas acollidas en pisos municipais. A concelleira popular Macamen López Silva aportou as follas de quendas de traballo dos últimos meses do persoal municipal que ten que prestar unha atención presencial nas quendas de mañá (8.00 a 15.00 horas) e nas quendas de tarde (15.00 a 22.00 horas) así como de atención localizada telefónica durante ás noites.
A edil do PP explicou que “este desamparo ás vítimas da violencia de xénero é grave e inexplicable” engadindo que “demostra a falta de interese por prestar un servizo de calidade”.
Por outra parte dende as filas populares denuncian problemas de mantemento nos 3 pisos de acollida nos que as caldeiras están en moi mal estado e que o goberno local xa ten coñecemento deste problema dende hai un ano”.
Co ánimo de revisar a situación real destes inmobles que acollen ás mulleres vítimas de maltrato dende o Grupo Popular presentaron un escrito solicitando unha visita programada aos 3 inmobles que ten o concello para ver a situación na que están. Ademais se pide que se informe das deficiencias que presentan así como do seu inventario. Tamén se solicitará información das obras que se acometeron nestes inmobles nos últimos dez anos. A popular tamén solicita que se detalle o número de vítimas de malos tratos que se acolleron nestes pisos municipais no que levamos de mandato.
Dende o Partido Popular tamén queren saber porque motivo se vén de suprimir unha praza de traballadora de familia. Os populares explican que neste momento hai 3 persoas asignadas para dar servizo ás mulleres maltratadas nos pisos municipais de Lugo (antes eran 5) e que dende o concello non se están a cubrir as baixas ou vacacións.
Os populares explican que a situación é “esperpéntica” mesmo hai denuncia en inspección de traballo de traballadoras dos pisos nas que o goberno local lles “obriga a cargar as caldeiras de auga cada día ou semana cando o lóxico sería que reparase as avarías que teñen estes aparatos”. Na Relación de Postos Laborais non se recolle “a función de mantemento das instalacións e reparacións de pequenas avarías dentro desta categoría profesional”.
A concelleira popular Macamen López Silva lembrou que os socialistas recibiron do goberno popular como herdanza “os únicos 3 pisos de acollida ás víctimas de violencia de xénero que hai en Lugo impulsados pola concelleira do PP Pilar Osorio” lamentando “a falta de interese dos socialistas por manter en condicións os pisos de acollida que reciben ás vítimas de violencia de xénero”.