O vicevoceiro do Grupo Municipal do PP Antonio Ameijide recorda que sempre aportamos propostas en positivo e puxemos sobre a mesa a creación dun sistema de rotación gratuíto; creando unha comisión deste sistema para, entre todos os grupos da corporación, determinar aquelas zonas nas que se debería implantar este modelo
O concelleiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Antonio Ameijide, recorda que hai poucos días veñen de cumprirse seis anos dende que Lara Méndez suprimise o sistema ORA en Lugo, suspensión que acompañou doutro anuncio, que Lugo contaría en oito meses con outro sistema de rotación do tráfico, declaración que foi o mellor exemplo do que sería a súa acción de goberno: anuncios en rolda de prensa que se converten en bombas de fume.
Antonio Ameijide pon a atención neste punto, xa que hai zonas da cidade nas que é preciso a adaptación dalgún sistema rotatorio do aparcamento, xa que “están saturadas durante todo o día e resulta imposible aparcar” xerando un dano enorme ao comercio e hostalería.
Unha situación ante a que o Grupo Municipal Popular se amosou colaborativo coa alcaldesa e lle brindou apoio para buscar unha solución que axude aos cidadáns. Neste senso, recorda o vicevoceiro popular, puxemos sobre a mesa a creación dun sistema de rotación gratuíto en zonas concretas; creando unha comisión deste sistema para, entre todos, determinar as zonas nas que se debería implantar este modelo, medida aprobada en pleno pero seguen negándose a poñela en marcha, pese a que “dende o BNG se apoiaba o noso plantexamento, postura que trocou dende que están no goberno, demostrando que son a ovella mansa do PSOE”.
Unha solución que, polo de agora, nin Lara Méndez nin Rubén Arroxo queren ver diante a tenor da súa actuación en materia de tráfico. Unha reflexión que fai Ameijide ao comprobar que as máquinas da ORA seguen na vía pública, a maior parte delas destartaladas logo de que os vándalos as destripasen para levar aquelas partes que tiñan algo de valor, “convertendo o seu esqueleto en ferralla”.
Neste senso, resulta curioso que o goberno local, na recente renovación da rúa Quiroga Ballesteros deixase no seu lugar a máquina da ORA que hai nos soportais da rúa, a pesar de que renovaron todo o chan e peonalizaron a rúa. “Hai situacións nas que é mellor rir porque se te paras a pensar que quitaron a máquina da ORA para colocar as plaquetas do chan e que logo a colocaron de novo; non hai quen o entenda”, lamenta.
Antonio Ameijide tira de ironía ante esta situación e afirma que “como non teñen función algunha seguen na rúa xa que o goberno local tentará engadilos ao patrimonio cultural da cidade, os parquímetros de Lugo son tan inútiles como o bigoberno”.
O PP recorda que xa propuxo en diversas ocasións ao goberno local que leve a cabo convenios con particulares para habilitar en solares privados novos aparcamentos disuasorios para dar unha alternativa aos conductores. “Podería tratase dunha cesión temporal e a cambio o concello asumiría a limpeza e mantemento do solar así como a sinalización e, incluso, deberíanse estudar exencións ou bonificacións aos propietarios destes solares, por exemplo no IBI”.
E outros elementos que en breve pasarán a formar parte dese patrimonio cultural de elementos inservibles nas rúas da cidade tamén haberá que colocar os paneis informativos dos aparcamentos do Smart City. Hai meses que rematou a instalación destes sensores en diferentes rúas de Lugo, pero nada máis se soubo do tema.
Para Antonio Ameijide o bigoberno “suspende” na transformación de Lugo en Smart City xa que con este sistema se daría axilidade ao aparcamento en Lugo, xa que se xeolocalizarían 200 prazas de aparcamento a través dunha app móbil, pero que seguen sen funcionar.