InfraestruturasLimpezaServizos xerais

O PP insta ao goberno bipartito a arranxar de inmediato unha fuga de augas fecais que afecta a varias naves do Polígono de O Ceao

By 14 Agosto, 2019Sin comentarios

O concelleiro do Grupo Municipal do PP Antonio Ameijide explica que a filtración procede da rede de saneamento municipal, dunha canalización que pasa entre as naves que hai entre a rúa da Industria e a rúa dos Canteiros, sendo as empresas desta última rúa as afectadas polas filtracións

O concelleiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Antonio Ameijide, denunciou a situación que viven varios empresarios do Polígono de O Ceao, que ven como entran augas fecais nas súas instalacións sen que dende o Concello de Lugo se dea unha solución a un problema “moi desagradable”.

Antonio Ameijide sinala que os afectados levan varios meses pedindo ao goberno local que dea unha solución ao problema pero, polo momento, o único que conseguiron foron escusas que “non solucionan o problema” a pesar de que a fuga procede da rede de saneamento municipal. Os afectados levan varios meses sufrindo o problema, que se agravou en maio cando se produciu un colapso nesta tubaxe.

A orixe das filtracións procede dun terreo que se atopa entre as naves que teñen a fronte cara a rúa da Industria e as naves que a teñen cara a rúa dos Canteiros, unha zona cunha anchura dun metro e medio polo que pasa a canalización de saneamento. Esta canalización ten unha rotura nalgún punto, polo que está a expulsar cara as naves da rúa dos Canteiros as augas fecais, o que provoca “grandes problemas” aos propietarios das devanditas naves.

Ante esta situación, o concelleiro popular insta ao goberno bipartito a tomar as medidas necesarias para arranxar esta tubaxe de saneamento e a emendar os danos ocasionados nas naves afectadas e que xeran problemas no día a día dos empresarios afectados.

Incluso, mentres non se soluciona o problema, Antonio Ameijide explica que dende o goberno bipartito debería baleirar periodicamente esta tubaxe para evitar que se sigan a producir as filtracións ás naves afectadas e que os empresarios poidan seguir realizando a súa actividade comercial cos menores problemas posibles.

Neste senso, o concelleiro popular anuncia que presentará un rogo á comisión correspondente para instar ao goberno local a corrixir este problema e así mellorar a rede de saneamento neste punto, xa que os problemas que está a ocasionar son evidentes. “Non falamos dunha pequena filtración. É un problema grave que se pode ver incluso cunha simple ollada, sen falar do cheiro que produce, que é moi desagradable”, finalizou.

Responder

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies