Antonio Ameijide lamenta “o aire de nova rica” da rexedora que xa gastou máis de 3M€ neste edificio e en acondicionar a zona exterior e segue a buscar un uso para esta infraestrutura
Nin coa visita da ministra para a Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, Lara Méndez é capaz de anunciar o uso que dará ao edificio Impulso Verde, unha infraestrutura na que a rexedora xa dilapidou máis de 3M€ e sobre a que todos os lucenses preguntan “para que?”.
Antonio Ameijide incide no “despilfarro” no que se está a converter o saco sen fondo d a obra do edificio Impulso Verde, a icona do desenvolvemento sostible da alcaldesa de Lugo, que presume de políticas verdes pero que, a hora da verdade, non é capaz de poñelas en marcha, en alusión a incapacidade de Lara Méndez para poñer en marcha o sistema de recirculación da auga depurada de Lugo para garantir o caudal ecolóxico do Miño e para que se poida usar en determinados traballos, como o baldeo de rúas ou a rega de xardíns.
Dende o Grupo Municipal Popular non cuestionan se o edificio ten ou non interese arquitectónico nin a importancia de potenciar os materiais empregados, pero “levantar un edificio deste nivel sen saber o uso e sen integralo no medio é tirar o diñeiro de todos os lucenses”.
Ameijide quere saber o nivel de execución das obras, que posiblemente apuntan a un atraso superior aos nove meses; o prazo de apertura do edificio e que se clarifique dunha vez o seu uso definitivo xa que “sempre que preguntamos responden con xeneralidades”.
Para o popular é fundamental desenvolver políticas respectuosas co medio ambiente, pero “a importancia do urbanismo sostible radica en que cómpre distinguir obras que supoñen un beneficio para o medio ambiente dos proxectos que teñen como único fin potenciar a imaxe persoal da alcaldesa cos que se malgastan fondos de Europa”.