O concelleiro do Grupo Municipal do PP Antonio Ameijide agradece a convocatoria realizada por Rubén Arroxo para renovar o transporte urbano de Lugo, pero pide ao vicealcalde “valentía” para facer dos autobuses da cidade unha “alternativa real e viable” para o día a día dos lucenses
O concelleiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Antonio Ameijide, pide “valentía” ao vicealcalde de Lugo, Rubén Arroxo, para modernizar o transporte urbano de Lugo e así conseguir que Lugo teña un transporte público “moderno e do século XXI” para conseguir que os lucenses se suban ao autobús no seu día a día.
Antonio Ameijide agradece a convocatoria da mesa de traballo e a boa disposición amosada por Rubén Arroxo. “Agradecemos a convocatoria da mesa e que se quixera escoitar as nosas propostas, xa que somos o único grupo que rexistrou e presentou propostas, polo que seguiremos a aportar ideas para mellorar o transporte urbano, sempre dende un punto de vista construtivo para mellorar un servizo que pode e debe converterse en esencial para os lucenses”, explicou.
E para mellorar o transporte público de Lugo hai que ter “valentía e ambición”, polo que o concelleiro popular convida ao vicealcalde a amosar o mesmo talante que tivo durante as eleccións, nas que asegura que reformaría o sistema de transporte urbano, algo para o que o primeiro paso é “facer liñas con traxectos máis curtos que favorezan e fomenten os transbordos”.
Neste senso, Ameijide sinala que temos que deixar atrás as frecuencias dunha hora, como as que propón o goberno, e apostar por frecuencias de entre 10 e 15 minutos, implantar unha medida que se aprobou no pleno, a iniciativa do Grupo Municipal Popular, como é a gratuidade para menores de 18 anos, xubilados, pensionistas e persoas con escasos recursos e unha APP para móbiles con información en tempo real. “Incluso para facer máis atractivo o servizo poden implantarse bonos semanais, mensuais ou anuais, cun prezo reducido, para animar aos lucenses a subir ao autobús urbano e apostar pola eliminación do pago de final de liña”, explicou.
Por iso, Ameijide insta a Rubén Arroxo a ter a mesma ambición da que presumía cando se atopaba na oposición e así “atreverse a darlle ao transporte urbano a volta que precisa”. “Precisamos que o concelleiro de mobilidade sexa ambicioso e teña a mesma ambición que tivo para contar as voltas que daba un autobús urbano a unha rotonda. Seremos construtivos para entre todos poder facer do transporte público de Lugo un servizo actualizado e acordo ao século XXI”, sentenciou o popular.