Antonio Ameijide sinala que os populares teñen unha sensación “agridoce” tras comprobar como Lara Méndez asumiu algunhas modificacións para as ordenanzas fiscais propostas desde hai anos polo PP, mentres outros cambios fundamentais, como a rebaixa do IBI, segue a negarse a abordalos
O Partido Popular pide a Lara Méndez “humildade e que recapacite” para aceptar sentarse cos grupos da oposición para abordar as modificacións das ordenanzas fiscais, tras ver como a rexedora anunciou varias modificacións “estrela” que non deixan de ser propostas xa realizadas en anos anteriores polos populares e que agora a alcaldesa decidiu aceptar, pese a que quedan moitas propostas sen tratar.
Antonio Ameijide pon o foco no “pouco talante e nula capacidade negociadora” da rexedora que segue a negarse a sentarse coa oposición para abordar as modificacións a realizar nas ordenanzas fiscais. “Estamos satisfeitos tras comprobar como baixaron as taxas por ocupación de vía pública tanto á construción como aos hostaleiros e a revisión dos vaos, pero non deixan de chegar tarde xa que son peticións que levamos anos realizando”, lamentou.
Os populares seguen sen comprender como Lara Méndez si decide reunirse con algunhas asociacións e colectivos da cidade para abordar as ordenanzas, pero segue a ningunear ao principal grupo da oposición.
Pero as reformas propostas por Lara Méndez non son suficientes. A ollos dos populares, os cambios que a rexedora levará ao pleno non incentivan a apertura de negocios, segue sen apostar por bonificacións fiscais á apertura de establecementos, algo que “sen dúbida sería beneficioso para dinamizar Lugo e crear emprego”.
Outros debes que acumula Lara Méndez e segue negándose a abordar son “casos de xustiza cos lucenses”. Ameijide explica que o goberno local segue apostando por cobrar aos negocios a taxa da recollida do lixo en función da actividade e non polos metros cadrados de superficie. “Está claro que non se pode cobrar unha cantidade semellante a un supermercado que a unha asesoría porque os residuos que xeran son incomparables”, apuntou.
Tamén hai outras materias pendentes como son o necesario sistema rotatorio do aparcamento ou abordar unha rebaixa do IBI, algo que dende o Grupo Municipal Popular xa se propuxo en diversas ocasións xa que Lugo ten un dos IBI máis caros de España. “Temos o IBI máis caro de Galicia e a nivel nacional esta taxa é moi superior á de grandes cidades coma Madrid, Barcelona, Valladolid, A Coruña, Bilbao ou San Sebastián”, indicou.
Outras propostas en materia de ordenanzas fiscais realizadas polo Grupo Municipal do PP e que o goberno local non quixo ter en conta:
ORDENANZA FISCAL NÚMERO 103. TAXAS POLA PRESTACIÓN DE SERVIZOS URBANÍSTICOS
- Incluír unha bonificación do 95% no apartado 3.6 relativo as construcións, instalacións ou obras de reforma que favorezan as condicións de acceso e habitabilidade dos discapacitados, así como no apartado 3.8 a favor das construcións, instalacións ou obras destinadas estrictamente a explotacións agrícolas, gandeiras e forestais, tales como establos, fosas sépticas, silos, almacéns, etc., excluíndose as que afecten ás vivendas asociadas á explotación.
- Establecer unha bonificación do 50% na construcción e rehabilitación de vivendas na zona rural coa finalidade de favorecer e potenciar o asentamento de poboación nas parroquias do rural.
- Establecer unha bonificación do 95% a favor das construcións, instalacións ou obras nas que se incorporen sistemas para o aproveitamento térmico ou eléctrico da enerxía solar para autoconsumo. A aplicación desta bonificación estará condicionada a que as instalacións para produción de calor inclúan colectores que dispoñan da correspondente homologación da Administración competente.
- Bonificación do 50% durante o ano 2022 a favor de obras para a posta en marcha de negocios ou actividades económicas ou para a reforma ou modernización de negocios e para consolidación e ampliación de empregos.
ORDENANZA FISCAL NÚMERO 104. TAXAS POR LICENZAS DE APERTURA DE ESTABLECEMENTOS
- Establecer unha bonificación do 50% para a apertura, ampliación ou reforma de negocios no ano 2022 co obxectivo de axudar á reactivación do comercio.
ORDENANZA FISCAL NÚMERO 108. TAXA POLA PRESTACIÓN DO SERVIZO DE RECOLLIDA DOMICILIARIA DE RESIDUOS SÓLIDOS URBANOS
- Modificar os apartados 5.b.2 e o 5.b.6 para que no cálculo da taxa a aboar, se tome como base o tipo de actividade e os residuos que xera e non só a superficie.
ORDENANZA FISCAL NÚMERO 121. TAXA POLA INTERVENCIÓN MUNICIPAL NAS COMUNICACIÓNS PREVIAS E DECLARACIÓNS RESPONSABLES NAS APERTURAS DE ESTABLECEMENTO
- Bonificación do 50% para aquelas aperturas, ampliacións ou reformas que se produzan en 2022.
ORDENANZA FISCAL NÚMERO 150. TAXAS POLO APROVEITAMENTO ESPECIAL DA VÍA PÚBLICA CON ESTACIONAMENTO DE VEHÍCULOS DE TRACCIÓN MECÁNICA (SISTEMA ORA)
- Reformulación integral desta ordenanza para poñer en marcha un sistema rotatorio do aparcamento gratuíto nas zonas con maiores problemas de aparcamento da cidade (contorna casco histórico, Fontiñas, Milagrosa, Residencia…).
ORDENANZA FISCAL NÚMERO 202. IMPOSTO SOBRE CONSTRUCIÓNS, INSTALACIÓNS E OBRAS
- Modificar o artigo 4º bis.5 para pasar do 90% ao 95% a bonificación a favor de construcións, instalacións ou obras de reforma que favorezan as condicións de acceso e habitabilidade dos discapacitados.
- Modificar o artigo 4ºbis.5 no seu apartado 8, aumentando do 50% ao 95% a bonificación para obras que sexan declaradas de interese ou utilidade municipal por tratarse de obras destinadas a explotacións agrícolas, gandeiras e forestais.
- Modificar o artigo 4ºbis para engadir a bonificación do 50% na construcción e rehabilitación de vivendas na zona rural coa finalidade de que favorecer e potenciar o asentamento de poboación nas parroquias do rural.
- Inclusión dunha bonificación do 50% en aqueles negocios que abran, amplíen ou reformen ao longo do ano 2022.
ORDENANZA FISCAL NÚMERO 203. IMPOSTO SOBRE BENS INMOBLES
- Rebaixa do 10% pasando do tipo de gravame actual, 0,67, ao 0,60.