Para os populares é curioso que Lara Méndez se manifeste hoxe ao carón das xuventudes do seu partido para pedir paradas de autobús en todos os concellos galegos pese a que onte mesmo apoiou a proposta do mapa concesional de Pedro Sánchez, que retira as paradas aos veciños de Palas, Chantada, A Pontenova, Monterroso, Meira, Quiroga, O Corgo, Pedrafita, Guitiriz, Baralla ou As Nogais
Os concelleiros do Grupo Municipal do Partido Popular amosaron a súa sorpresa despois de que Lara Méndez apoiase hoxe unha petición de impulso dunha iniciativa lexislativa popular do seu partido para “mellorar o transporte interurbano en Galicia”.
Para os populares a sorpresa é maiúscula, xa que onte mesmo, Lara Méndez e o seu grupo municipal votaron en contra dunha iniciativa do PP, apoiada polo BNG, para pedir a Pedro Sánchez unha reforma do mapa concesional do transporte por autobús. “Queda clara a dobre moral de Lara Méndez á fronte do Concello de Lugo. Primeiro vota en contra dunha moción para pedir ao Goberno Central que garanta e mellore o servizo de transporte por autobús cun novo mapa concesional que non prexudique ao mundo rural, pero logo se permite a licenza de realizar esixencias á Xunta de Galicia”, lamentan.
Os populares critican á rexedora e sinalan que “é curioso que hoxe Lara Méndez defenda que todos os concellos de Galicia deben dispoñer, como mínimo, dun traxecto diario de ida e volta aos concello adxacentes, mentres onte defendeu que o Goberno Central deixe tirados a 35.000 lucenses eliminado a parada aos veciños de Palas, Chantada, A Pontenova, Monterroso, Meira, Quiroga, O Corgo, Pedrafita, Guitiriz, Baralla ou As Nogais”.
A postura de Lara Méndez chama a atención no Grupo Municipal do Partido Popular, xa que tenta vender esta proposta como unha ILP, coma se partise dun grupo de particulares o dunha asociación ou entidade, a pesar de que parte do propio PSOE, que conta con grupo parlamentario a nivel autonómico e goberna a nivel nacional.
Para os concelleiros populares esta postura de Lara Méndez só se entende dun xeito: “o nulo peso de Lara Méndez dentro do PSOE a nivel nacional provoca estas situacións, xa que non para de facer guiños a Madrid, sen importarlle as consecuencias para os lucenses”.
Por iso, os concelleiros populares lamentan “a oportunidade que onte perdeu a rexedora” e a instan a dar cumprimento inmediato ao acordo tomado no pleno ordinario de onte xa que “debe respectar a decisión da maioría”.