Mar Carballas explica que os 3.555.548,10€ que desembolsaron no primeiro semestre de 2022 supoñen un incremento de medio millón de euros con respecto ao mesmo período de 2021, o que desvela a súa estratexia de empregar o Concello de Lugo como unha plataforma de promoción de cara ás eleccións municipais e para dar contratos a afíns
O Partido Popular segue a fiscalizar a acción do goberno local, sobre todo no que atinxe aos contratos menores. Neste eido, no primeiro semestre de 2022, tanto PSOE como BNG asinaron contratos menores por valor de 3.555.458,10€, un custe que supera en 500.000€ os contratos menores asinados no mesmo período de 2021.
Mar Carballas lamenta, en primeiro lugar, o ocultismo do goberno local, xa que “tivemos que agardar ata o mes de outubro para que nos facilitasen algún tipo de dato referente aos contratos menores” o que pon en evidencia a “nula transparencia e o ocultismo” que caracterizan ao bigoberno de Lugo.
Pese a isto, os datos do primeiro semestre de 2022 deixan situacións moi preocupantes, como que Lara Méndez, Rubén Arroxo e os seus concelleiros gastaron unha media de 19.752€ ao día en contratos menores. “Entendemos que tanto PSOE como BNG empreguen este sistema de contratos menores, sobre todo a poucos meses para as eleccións para devolver favores”, lamentou.
Dos 3.555.458,10€ semella que hai un reparto porcentual para cada parte do goberno local. Deste xeito, Lara Méndez e os seus concelleiros son responsables de destinar mediante contratos menores 2.387.668€ (o 67% do total), mentres que os de Rubén Arroxo gastaron 1.167.590€ (o 33% do total).
Á vista destes datos, pode deducirse que se trata “dun sistema moi productivo” tanto para PSOE como BNG para devolver favores. Por exemplo, dende a área de Infraestruturas (BNG) asignaron contratos menores por valor de 551.083,91€ no primeiro semestre do ano, unha cifra seguida moi de preto pola área de Xuventude (PSOE) con contratos por valor de 516.169,86€, pola área de Medio Rural con 512.469,02€ neste concepto,ou pola área de Cultura con contratos menores por valor de 502.458,06.
Nesta relación de contratos menores do primeiro semestre de 2022 tamén hai datos moi reveladores. Por exemplo, a área de protocolo, dependente directamente de Lara Méndez é o quinto servizo que máis cartos destinou a contratos menores, con 257.210,38€, mentres que a área de Servizos Sociais figura no décimo quinto lugar con 38.244,64€. Ou o que é o mesmo, Lara Méndez dedica cinco veces máis recursos a atender os seus compromisos que a solucionar as necesidades dos lucenses que máis axuda precisan.
Esta listaxe de contratos menores que facilitou o goberno local ten un déficit de información, xa que o goberno de Méndez e Arroxo segue a ocultar datos, porque non facilitan, entre outros datos, o número de empresas ás que se lle pediu oferta, un dato fundamental para coñecer se deron participación ou non a autónomos de Lugo.