Economía

O PP non apoiará os orzamentos para 2022 dun bipartito que non é de fiar, que vende fume e que só é solidario cos seus afíns

By 17 Decembro, 2021Sin comentarios

O voceiro popular Ramón Carballo afirma que o seu Grupo non pode avalar un orzamento que non atende as necesidades reais dos lucenses e nos que se bota de menos “as propostas que o Partido Popular presentou a Méndez e Arroxo para chegar a un consenso, e que PSOE e BNG nin valoraron”

  • PSOE e BNG xestionarán no vindeiro exercicio 654.852 € para accións de autobombo e propaganda (PSOE 1.967.877 € e o BNG 2.625.475 €). A alcaldesa de Lugo ten para autopromoción da súa figura 250.000 € a maiores doutros 135.000 € en traballos, fronte aos 300.000 € que destinan a Emerxencia Social. Mentres que as concellerías do BNG, “un partido que presume de estar a favor da austeridade e da reducción do gasto improductivo”, xestionará en 2022 2.625.475 € en gastos diversos e publicidade e propaganda. Curiosamente hai un incremento de 799.875 € neste capítulo de gastos diversos, unha cifra similar á que recortaron no departamento de vías e obras (neste exercicio pasaron dos 3.662.920 aos 2.905.000 €, é dicir 757.000 € menos). “Quitan de investir na cidade para os seus trapicheos”, concluía o voceiro popular.
  • A creación dunha nova concellería 2.0 ou concellería B de obras para solapar o PSOE as funcións de concellerías que dependen do BNG delata que estamos ante un goberno cuxo obxectivo é sacar unha rendibilidade electoral pero que carece dun proxecto único para Lugo. Estamos falando do xiro estratéxico da concellería de Promoción do Emprego, que depende dos socialistas, onde vemos como baixan o diñeiro para bolsas de emprego, estudos ou pensións mentres que se incrementan os cartos destinados a obras (de 2.030.799 sube a 3.058.000 €). “Esta é unha fórmula velada de facer unha concellería paralela que compite co departamento de infraestruturas do BNG”.
  • Dende o PP tamén alertan de que se están inflando os ingresos para cadrar as contas. O exemplo máis sangrante de que estes orzamentos son papel mollado témolo no caso do lixo. Primeiro, como é posible que pretendan ingresar 7.281.230 € cando segundo á conta xeral do 2020 a recadación real foi de 3.365.774 €. E segundo, quen vai facer fronte aos 11 millóns de desfase que hai tendo en conta que o custe do servizo, que se vén de adxudicar, é de 14M €. Imos os lucenses que ter que asumir esta déficit cunha suba nos recibos do lixo??
  • Nos orzamentos para 2022 botamos en falta partidas para a posta en funcionamento do novo Auditorio de Magoi, das Caldas do Miño e do edificio Impulso Verde. Outra proba máis de que non saben como van xestionar estas instalacións. Todo un exemplo de falta de planificación. Non teñen, tal e como levamos reclamando anos dende o PP, un documento que recolla o Plan de Usos e Aproveitamento de Edificios Públicos acompañado por un estudo económico financeiro que detalle os gastos e forma de xestión de cada edificio público. Nin poñen en valor, nin aproveitan de forma racional os espazos e inmobles do municipio.
  • Non hai cartos para empezar a construír o novo pavillón, nin figura ningunha partida con nome e apelido para a execución da Praia Fluvial no Miño, nin para o Paseo Interior da Muralla, nin para a adquisición dos terreos necesarios e para desenvolver o proxecto da unión dos parques do Miño e do Rato para pechar o cinto verde de Lugo; nin para o proxecto e obra para a construción de pasarelas que conecten o Parque Rosalía de Castro, o parque Marcos Cela e o Paseo do Miño; nin dotación económica para a elaboración dun plan de recuperación de edificios abandonados sen uso (Fábrica da Luz, matadoiro, vella depuradora) nin diñeiro para un plan de eliminación progresiva de tapóns urbanísticos.
  • En canto á atención ás persoas (Servizos Sociais) falan de solidariedade cos que máis o necesitan pero os recursos destinados á promoción e reinserción social redúcense con respecto ao ano 2020 (previo á pandemia) que pasan de 505.000 a 216.000 €. Tamén perderon este ano unha subvención para poñer en marcha a Unidade de Atención Temperá, un servizo moi necesario e que o PSOE está reclamando para outros concellos de Galicia. E en emerxencia social manteñen os 300.000 € pese a que neste momento é máis necesario que nunca ter unha previsión para familias afectadas pola pandemia. Reservan máis cartos en alcaldía para autobombo de Lara que para Emerxencia Social.
  • Nestes orzamentos o bigoberno tamén nos sorprende cun recorte de diñeiro para as 54 parroquias de Lugo. Na zona rural rebaixan no capítulo de gastos, con respecto ao ano 2021, en 154.000 €. En canto o capítulo de investimentos esquécense por completo do rural. Pasan de querer levar o abastecemento e saneamento ás parroquias (compartindo o gasto coa Xunta) a non destinar ni un só euro para estas infraestructuras tan necesarias e imprescindibles.
  • Tampouco vemos partidas para levar o transporte público a demanda ás parroquias (taxis) ou para o estudo.
  • Botamos en falta unha reserva de fondos para a instalación de puntos de recarga de vehículos eléctricos en polígonos industriais como As Gándaras ou O Ceao, así como nos barrios do municipio.
  • E tampouco aceptaron a proposta de reservar unha partida para mellorar a conciliación laboral e familiar dos lucenses, a través do compromiso do Concello de Lugo cunha achega de 100 € ao mes polo nacemento de un fillo durante o primeiro ano de vida.
  • Cero euros para a integración do transporte urbano de viaxeiros da cidade de Lugo en ‘Google Maps’.
  • Tampouco hai cartos para o estudo, deseño e construción de aparcadoiros disuasorios no entorno do casco histórico e resto da cidade en parcelas de titularidade pública ou asinando convenios cos propietarios de solares sen uso. (Por exemplo na rúa Primavera, Residencia…)
  • E sorprende que tampouco reserven fondos para o deseño e posta en funcionamento dun novo sistema rotatorio e gratuíto do aparcamento no entorno do casco histórico da cidade e nos barrios con máis problemas de estacionamento.
  • En 2022 tampouco será o ano da recuperación da Banda Municipal de Lugo. En canto á Escola de Música queda en evidencia que non se aposta por impulsar este servizo xa que só destinan no capítulo de gastos unha mínima partida de 5.000 € para instrumentos.

 

Responder

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies