Beatriz Vázquez ve precisa a creación desta comisión, como xa ocorre co San Froilán, para ter un mínimo coñecemento dos plans do goberno local sobre esta celebración considerada como festa de interese turístico nacional e tamén poder aportar ideas e fiscalizar as contas
O Arde Lucus xa está á volta da esquina e dende o goberno de Lara Méndez xa están a realizar diversos anuncios relacionados con esta festa de interese turístico nacional, motivo polo que dende o Grupo Municipal Popular se pedirá a creación dunha comisión do Arde Lucus, ao igual que sucede coa comisión de festas para fiscalizar a organización do San Froilán.
A concelleira popular, Beatriz Vázquez, explica que esta petición basease no sentido común, xa que se unha das dúas principais celebracións que teñen lugar na cidade ao longo do ano ten unha comisión para a súa fiscalización, “a lóxica indica que o Arde Lucus tamén”, sobre todo para coñecer os plans de Lara Méndez nesta celebración xa que “o pouco que sabemos ata o momento o coñecemos unicamente polos medios de comunicación”.
A creación desta comisión non debería de ser ningún problema para Lara Méndez nin o seu goberno se non teñen nada que ocultar. Ademais, sería interesante que se crera para poder fiscalizar gastos e tamén para poder presentar propostas para enriquecer esta celebración.
Beatriz Vázquez agarda que dende o equipo de Lara Méndez non se poñan trabas á creación desta comisión, xa que “en aras á transparencia da que sempre fai gala a alcaldesa debería ter en conta esta petición”, que se presentará ao pleno dentro da campaña aberta polos populares para dar participación á veciñanza ‘Que pregunta quéreslle facer á alcaldesa ou ao seu vicealcalde?’.
Para os populares esta nova canle de comunicación é moi importante xa que “queremos brindar á cidadanía un novo sistema para comunicarse con Lara Méndez e Rubén Arroxo, xa que os dous poñen demasiadas barreiras para dar respostas concretas ás necesidades dos veciños”.