Os concelleiros populares solicitarán ao Concello de Lugo que apoie, no caso de que se leve adiante, a iniciativa dos veciños de Albeiros para acadar as firmas necesarias para impulsar unha Iniciativa lexislativa popular e así poder modificar a lexislación para poñer fin ás ocupacións ilegais
Nos últimos anos aumentou o fenómeno da ocupación ilegal de vivendas por parte das mafias en España e continuou o incremento das denuncias por violación ou ocupación a domicilios, segundo datos do Ministerio do Interior, unha realidade á que Lugo e os lucenses non son alleos.
A última das ocupacións ilegais das que se tivo constancia foi en Albeiros, onde a presión veciñal serviu para que os okupas deixaran a vivenda. Pero este final dáse moi poucas veces, sendo o máis habitual que durante moitos meses a ocupación dunha vivenda de maneira ilegal atente contra o titular da mesma e altere a convivencia veciñal.
Co ánimo de garantir os dereitos de todos os afectados por ocupacións ilegais, o Grupo Popular defenderá no pleno unha iniciativa para esixir ao Goberno Central unha modificación lexislativa que garanta a desocupación da vivenda ocupada ilegalmente en 24 horas, ademais dun endurecemento das penas en caso de ocupación da vivenda ou inmoble, especialmente no caso de mafias, con penas de entre 3 e 5 anos.
Do mesmo xeito, tamén se pedirá que o Concello de Lugo apoie, no caso de que se leve adiante, a iniciativa dos veciños de Albeiros para acadar as firmas necesarias para impulsar unha Iniciativa lexislativa popular e así poder modificar a lexislación para poñer fin ás ocupacións ilegais.
Explican os populares que é preciso unha reforma lexislativa para que, incluso, se habilite ás comunidades de propietarios como persoas xurídicas para que poidan iniciar os procesos de recuperación da vivenda en aras dunha mellor convivencia e evitando actividades molestas, insalubres, nocivas, perigosas ou ilícitas.
Os populares explican que a maioría das competencias para loitar contra a ocupación ilegal de vivendas depende do Goberno Central, pero si que hai eidos nos que a administración local pode axudar aos afectados. Neste eido, os populares defenden que para loitar contra a ocupación ilegal e para garantir a convivencia veciñal e a protección da seguridade das persoas e cousas nas comunidades de propietarios os okupas non se poidan inscribir no padrón municipal.
Estamos ante unha situación que require de vontade política para abordar un problema que en lugar de reducirse, tende a incrementarse con novos casos case a diario. A negación pola negación non elimina un problema, que por moito que o goberno local se empeñe en negar, existe e é un problema que afecta a cada vez máis barrios da nosa cidade. Ao longo de todo o municipio temos ducias de exemplos de inmobles ocupados nos barrios da Milagrosa, Sagrado Corazón, Residencia, Feijoo, As Gándaras, A Cheda, Albeiros, O Carme, etc. Non se libra ningún barrio nin o propio casco histórico nin as parroquias do rural.