O concelleiro do Grupo Municipal do PP Antonio Ameijide explica que o Concello de Lugo debe unirse ás reclamacións da FEGAMP e da FEMP para que o Goberno de España ingrese ás entidades locais as contías do IVE non liquidadas correspondentes ao exercicio 2017 como consecuencia da implantación do Suministro Inmediato de Información
O concelleiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Antonio Ameijide, explica que o seu grupo defenderá no vindeiro pleno unha moción para que o pleno da corporación amose o seu apoio ás reivindicacións da FEGAMP e da FEMP para que o Goberno de España ingrese ás entidades locais as contías do Imposto sobre o Valor Engadido (IVE) non liquidadas correspondentes ao exercicio 2017 como consecuencia da implantación do Suministro Inmediato de Información (SII).
Antonio Ameijide explica que no ano 2017 a Axencia Tributaria implantou un novo sistema de xestión do IVE baseado no Suministro Inmediato de Información. Poren, no informe anual de recadación tributaria da AEAT (ano 2017) constátase que este novo sistema de xestión do IVE provocou un desprazamento de ingresos ao exercicio 2018, cun desfase de 54.2M€ para os concellos de Galicia.
Explica o concelleiro popular que este desprazamento de ingresos tamén afectou ás arcas do Concello de Lugo, polo que se propón este acordo para que o pleno municipal inste ao Ministerio de Facenda a que ingrese a este concello 1.092.792,59€ en concepto da cantidade non liquidada do IVE correspondente ao exercicio 2017 como consecuencia da implantación do Suministro Inmediato de Información.
De feito, este extremo recoñécese nun informe da AEAT, no que se di textualmente que: “La entrada en vigor de esta nueva forma de gestión vino acompañada de un retraso en la fecha límite de presentación de las declaraciones mensuales (del 20 al 30 del mes posterior al mes de devengo). La consecuencia fue que las declaraciones devengadas en un mes cualquiera que anteriormente se contabilizaban en el mes siguiente pasaron en su mayor parte acontabilizarse dos meses más tarde. En el conjunto del año, por tanto, solo se contabilizaron, para las empresas acogidas al nuevo sistema, 11 meses de ingresos (el mes de noviembre que antes se recaudaba dentro del año pasó, a registrarse en enero del año siguiente).Junto a este desplazamiento de ingresos, el nuevo sistema posibilitó una realización más ágil de las devoluciones, de manera que también por este lado hubo una disminución de ingresos: devoluciones mensuales correspondientes a los últimos meses del año que antes se hubiesen realizado en los primeros meses del siguiente, se realizaron dentro del año 2017. En total ambos cambios significaron un traslado de ingresos de 2017 a 2018 por valor de 4.150 millones”.
Como consecuencia da implantación desta medida, a participación das entidades locais nos Ingresos Tributarios do Estado caeu dun xeito significativo. Este desaxuste contable deriva dunha decisión tomada polo Ministerio de Facenda cuxo impacto, en virtude do principio de lealdade institucional, debeu ser compensado no exercicio da liquidación, pero non foi así, obrigando ás entidades locais a reintegrar unhas importantes contías ao Estado en virtude dunha liquidación viciada polo efecto do SII.
No caso do Concello de Lugo, a estimación de entregas a conta do ano 2017 foi de 18.047.149,91€ e a participación nos ITE tras a implantación SII reduciuse a 17.464.261,62€, o que nos obrigou a reintegrar ao Estado 582.888,29€. Polo tanto, o Estado debería devolvernos esta contía, así como devolver os 314.384,80€ que nos corresponderían pola liquidación na participación nos Ingresos Tributarios do Estado se non se aplicou o SII, máis 195.519,50€ pola cesión directa de IVE. “En total o Estado debe ao Concello de Lugo 1.092.792,59€”, sinalou.
A FEGAMP e a FEMP reclamaron en varias ocasións ao Ministerio de Facenda unha solución a esta problemática, asegurando os seus máximos representantes que esta situación non tiña xustificación real. “Estamos ante unha situación inxusta e prexudicial para os municipios galegos que vemos diminuída a nosa capacidade de financiamento e os nosos recursos”, sentenciou.
O vicevoceiro popular pide que por unha vez Lara Méndez e os seus socios antepoñan os intereses de todos os lucenses por diante dos de Sánchez e o goberno do PSOE, xa que lles recorda que hai poucos meses votaron en contra dunha proposta do Partido Popular para solicitar ao goberno central a devolución dos cargos que debían ao Concello de Lugo.