Para Ameijide “dado que a alcaldesa socialista xa levantou a veda entre os socios do bigoberno para inmiscuirse nas áreas dos outros” solicita a Rubén Arroxo “que interveña e poña coto á opacidade, ás trabas e dificultades que nos pón a rexedora na tarefa da oposición para levar a cabo o control da acción de goberno”
O Partido Popular pide ao vicealcalde nacionalista de Lugo que “intermedie coa alcaldesa de Lugo polas trabas e as dificultades que lles está a pór no acceso á información de cuestións tan sensibles como o caso das filtracións das oposicións á policía local”.
Antonio Ameijide solicita a Rubén Arroxo que “se ainda pinta algo neste bigoberno” interveña para que se nos faciliten os documentos que solicitamos o pasado día 16 e 17 de setembro “seguimos sen ter acceso ao informe de presidenta do tribunal, ás actas do tribunal e a documentación do procedemento”.
O Partido Popular tamén insta a Rubén Arroxo que interceda coa alcaldesa de Lugo para que “nos permitan aos concelleiros do Grupo Popular acceder ao edificio do novo auditorio de Magoi que solicitamos por escrito o luns 20 de setembro”.
Onte rematou o prazo previsto para que contestasen á petición e “nin tan sequera confirmaron ou denegaron a nosa petición” que xustificamos co argumento de que “queríamos coñecer en que estado se atopa esta dotación logo de levar un ano e tres meses pechado tras recibir a infraestructura de mans da Xunta”.
Ameijide reclamou ao vicealcalde do BNG que impoña o seu criterio e que “en aras a conseguir un maior diálogo e transparencia” presione a Lara Méndez para que o pleno deste mesmo xoves sexa presencial. “Igual que Rubén Arroxo viaxa a Pontevedra para copiar ideas do seu alcalde pode tamén seguir o seu exemplo” lembrándolle que “nesta cidade as sesións dos plenos son presenciais”.