O Partido Popular pide ao concello de Lugo que “colabore de forma activa e faga un esforzo” en publicitar a tarxeta monedero que a Xunta de Galicia e a Cruz Vermella puxeron a disposición das familias con dificultades económicas.
A concelleira popular Cristina Abades aclara que “esta tarxeta permite ás familias con poucos ingresos mercar produtos de alimentación, hixiene e farmacia e que se tramita, precisamente, a través dos servizos sociais dos concellos ou ben a través da Cruz Vermella”.
A edil do PP espera que os representantes políticos derán as indicacións oportunas aos seus técnicos municipais para difundir as bondades desta tarxeta pre pago, cun saldo mensual entre 150 a 300 €, e nese senso pedirá en comisión que den explicacións sobre “se se está facilitando información de dito programa ás persoas vulnerables, número de peticións recibidas en servizos sociais dende o pasado 1 de xullo así como número de solicitudes tramitadas”.
A concelleira popular aclara que se trata dun trámite doado de facer e que permite que os posibles beneficiarios poidan recibir a tarxeta no prazo máximo de 72 horas xa que o obxectivo fundamental é que as persoas con dificultades poidan facer uso desta axuda no menor tempo posible.
Cristina Abades reflexionaba como “nos últimos tempos vemos as colas do banco de alimentos” e reflexiona que “ditas tarxetas son unha solución e alternativa para moitos lucenses que se ven obrigados a pedir alimentos”. A edil puntualizou que “unha das principais características destas tarxetas monedero son que non se estigmatiza ás persoas que reciben axudas sociais xa que permite aos cidadáns, con dificultades económicas, beneficiarse desta prestación de xeito anónimo”.