O voceiro do Grupo Municipal do PP Ramón Carballo recorda que estes solares pasaron a ser de titularidade municipal no 2006, e dende entón está abandonado polos diferentes gobernos locais, polo que urxe unha actuación para dotar dos servicios que demandan a veciñanza e para evitar situacións de insalubridade, derivadas da proliferación de maleza e roedores
O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Ramón Carballo, pide ao goberno local a demolición dun inmoble municipal en ruinas na rúa Primavera para poder adaptar o solar e crear preto dun cento de prazas de aparcamento nun entorno no que son moi necesarias.
Ramón Carballo explica que os veciños do barrio demandan máis prazas de aparcamento no barrio e vendo a situación que presenta este solar, en terra e cheo de maleza, no que os vehículos aproveitan para estacionar igualmente, que menos que adaptalo para mellorar a entrada e saída deste solar e regular as prazas de aparcamento para aproveitalo ao máximo.
Noa no 2006, o Concello de Lugo asinou a acta de recepción destes dous solares, un de 800 m2 e outro de 58 m2, habendo nun deles unha vivenda nun estado ruinoso, totalmente rodeada e cuberta de maleza, chegando nalgún punto a ter a vexetación a mesma altura que a propia vivenda, de varios metros de altura.
Dáse a circunstancia de que estes dous solares teñen outras propiedades contiguas, de titularidade do Sareb, que se poderían aproveitar, no caso de que a propiedade non teña pensado outro uso, para aparcadoiro. Desde xeito, o goberno de Lara Méndez debería sentarse a negociar co Sareb a fórmula para aproveitar estes espazos, que poderían ser a permuta, cesión temporal asociada a bonificacións ou beneficios fiscais, aluguer… ou o camiño que os técnicos estimen oportuno, pero que “se o Sareb non ten pensado un fin para estes terreos poderían destinarse para crear prazas de aparcamento”.
Limpeza
Os veciños desta zona tamén piden maior atención ao entorno. Hai que recordar que hai poucos días, dende o Grupo Municipal Popular denunciouse que era unha veciña a que estaba a limpar a maleza que invadía as rúas e foi tras esta denuncia, cando o Concello de Lugo deu orde de limpar.
Pero a actuación municipal limitouse unicamente á vexetación dun talud, despreocupándose totalmente do resto do entorno. Unha situación coa que o enfado veciñal aumentou, xa que hai un parque infantil chego de lixo, vexetación e follas das árbores, afirmando os veciños que “hai semanas que non se limpa”.
A realidade é que está cuberto de follas, o chan de verdín, os bancos sucios, as papeleiras rebosantes de lixo e os xogos infantís cheos de pintadas. “O abandono nesta zona é patente por parte do goberno de Méndez e Arroxo polo que pediremos unha actuación na zona para devolver a imaxe que os veciños queren e merecen, xa que non se pode permitir que vivan rodeados de suciedade”, apuntou.