Óscar Poy fai esta proposta despois de comprobar como, por exemplo, as pistas de tenis de Frigsa teñen as luces acendidas en horario nocturno, aínda que non haxa usuarios, e as pistas que hai ao carón das Termas non teñen luz a pesar de que hai xente que as emprega en horario nocturno
O concelleiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Óscar Poy, pide ao goberno local a instalación de detectores de presenza nas pistas deportivas exteriores municipais para poder aforrar custes e tamén para garantir a visibilidade aos usuarios en horario nocturno.
Óscar Poy explica que, por exemplo, nas pistas de tenis de Frigsa o alumeado está permanentemente acendido, pese a que non haxa usuarios nas mesmas, algo que, ao prezo que ten a luz nestes meses, supón un despilfarro para as arcas municipais. “Pensamos que a instalación destes elementos pode axudar a aforrar custes nas pistas de tenis”, explica.
Unha situación que choca coas respostas realizadas polo concelleiro popular neste senso ao goberno local, obtendo como únicas respostas que: “hai un reloxo para acender e apagar a iluminación.
Resposta que amosa ás claras que a luz estará acendida durante o horario estipulado polo goberno local, aínda que non haxa usuarios nas pistas. Unha situación ante a que Óscar Poy pide se poña en marcha algún sistema de aforro enerxético, para que a luz se empregue cando hai usuarios e non se malgaste cando as canchas están baleiras.
Situación que contrasta coa que se atopan os usuarios das pistas de baloncesto e fútbol sala que hai na zona das Termas. Neste punto, cando non hai luz natural, o alumeado público é insuficiente para que os veciños poidan xogar, “polo que tentan aproveitar a pouca luz que chega dende o centro comercial”. Por iso, pedimos que se corrixa a situación e se instalen aquí tamén detectores de presenza para garantir a visibilidade.
Explica Óscar Poy que non ten sentido que o goberno de Lara Méndez fale un Lugo Biodinámico e máis sensible co medio ambiente mentres se gasta diñeiro en iluminar dotacións municipais en horarios nos que non hai usuarios nas canchas.