Antonio Ameijide pide o arranxo deste solar municipal, adxacente ao novo centro social do Castiñeiro, para evitar calquera tipo de risco xa que o muro, ademais de parecer inestable, ten pegados na súa parte superior numerosos vidros rotos
Os veciños de Abella ven como nas vindeiras datas inaugurarase o novo centro social do barrio, unha infraestrutura moi demandada e que ven que por fin é unha realidade. Por este motivo, piden que o goberno local mellore a imaxe do entorno desta nova dotación.
Na parte traseira deste centro, na rúa Fábrica de Abella hai un solar municipal que ten un muro nun dos laterais. Este muro semella ser inestable e perigoso, xa que na súa parte superior conta con numerosos vidros rotos pegados, o que aumenta o perigo.
Antonio Ameijide faise eco das queixas dos veciños, que non entenden como a inauguración do novo centro social do barrio non vai parella da adecuación desta parcela municipal, duns 1.000 m2, na que se podería crear unha zona verde de ocio e esparcemento para un dos barrios nos que menos dotacións se crearon nos 24 anos de gobernos socialistas e nacionalistas en Lugo.
No PP tamén preguntarán pola situación do solar do antigo matadoiro de Abella na que hai varios pozos abertos. Os veciños explican que se trata dun solar empregado para aparcar, como zona de paso ou para xogar polo que “o perigo é evidente para calquera que pase pola zona” xa que pode caer e quedar atrapado supoñendo un verdadeiro risco para a seguridade.