Macamen López Silva recorda que non se trata da primeira denuncia que se realiza neste senso e que coas anteriores empresas adxudicatarias tamén se reclamou en varias ocasións que se dotase este centro de día de máis persoal
O servizo que o goberno de Lara Méndez presta no centro de día municipal Antonio Gandoy segue a ser “moi mellorable” a pesar de todo o esforzo que poñen cada día os traballadores para que os usuarios teñan a mellor atención posible.
Macamen López Silva faise eco dunha denuncia dun sindicato no que se reflicte que o Concello de Lugo non se preocupa de que a empresa adxudicataria cumpra coas condicións estipuladas nos pregos de contratación, polo que falta persoal no centro “o que provoca que o persoal que traballa na actualidade teña que redobrar esforzos para que os usuarios estean o mellor atendidos”.
Coa entrada da nova empresa adxudicataria o horario de apertura do centro aumentou notablemente, pasando dun servizo de luns a sábado con domingos alternos e 35 usuarios a abrir os 365 días do ano con 50 usuarios. “Vemos como aumentou notablemente o horario de apertura e o persoal é o mesmo”, denunciou.
Actualmente hai 5 traballadores a xornada completa, dous ao 77,5%, un ao 51,5% e outro ao 52,5%, mentres os pregos estipulan que “serían necesarios 10 traballadores a xornada completa”.
Entre as denuncias dos traballadores están que non se cubren as ausencias do persoal xerocultor (a pesar de que nos pregos estipúlase que é obrigatorio cubrir esas ausencias), a petición de que a enfermeira preste servizo de xeito presencial (na actualidade ten unha xornada de 10 horas semanais que realiza de xeito telemático) e a cobertura dunha conductor para cumprir cos horarios de transporte.