Os populares realizan esta petición e recordan a necesidade de reforzar o corpo para mellorar a seguridade no municipio ante a evidente escalada de violencia na noite lucense e a xubilación de oito axentes durante este 2023
Nos últimos meses a inseguridade instalouse nas rúas lucenses ata o punto de que son moitos os veciños e veciñas que, nas xuntanzas mantidas cos populares, reiteran a necesidade de ter máis policías nas rúas para devolver a tranquilidade ás rúas lucenses.
Ante esta situación, que preocupa moito, dende o Grupo Municipal do Partido Popular pediron no pleno de decembro de 2022 a convocatoria da xunta local de seguridade, petición que acadou a unanimidade do pleno e que se ve cumprida na reunión da xunta de seguridade que se celebrou esta mañá.
Antonio Ameijide sinala que agarda que, durante esa xuntanza, se abordara, entre outros temas, a onda de violencia e vandalismo que protagoniza as noites lucenses nos últimos meses. “Nas últimas horas circularon por whatsapp vídeos de varios minutos e de extrema violencia dunha pelexa durante a pasada fin de semana, e chama a atención que pese a dureza das imaxes non se ve nin un so axente de policía no vídeo, e dun presunto axuste de contas na Milagrosa”, lamentou.
A realidade é que a inseguridade segue a apropiarse das rúas de Lugo, sobre todo cando cae a noite, tendo como exemplo outra liorta producida a pasada noite en Camiño Real, que rematou con varios identificados, detidos e, polo menos, danos de importancia en dous vehículos.
Antonio Ameijide recorda que o Concello de Lugo está moi lonxe de acadar a ratio recomendada por Europa de 1,8 axentes de policía por cada 1.000 habitantes, o que significa que en Lugo debería de haber entre 175 e 180 axentes, unha cifra moi alonxada dos 114 que hai na actualidade, número que se reducirá durante 2023 xa que está prevista a xubilación de oito axentes.
Ante esta situación, dende o Grupo Municipal Popular piden ao goberno local que solicite a convocatoria dun proceso selectivo extraordinario para aumentar o número de axentes na xefatura lucense para contar con máis axentes nas rúas.
Os populares realizan esta petición tras ver como no último proceso selectivo unitario realizado pola Xunta de Galicia, o Concello de Lugo non solicitou nin unha praza e non se prevé que convoquen novos procesos de selección ata 2025.
Para os concelleiros populares a deriva que está a tomar Lugo nos últimos meses xa superou o límite. Hai tempo que o advertirmos: “Lugo corre o risco de deixar de ser esa cidade tranquila e amable de sempre, a ser un lugar no que os cidadáns camiñen con medo polas rúas”.
Nos últimos meses semella que a inseguridade apropiouse das rúas de Lugo, tendo como resultado feridos por arma branca e unha liorta na que houbo, segundo os medios de comunicación, polo menos 10 disparos cun arma de fogo.
Ademais da necesidade de contar con máis policías nas rúas, os populares insisten en que hai outras posibles solucións, que poderían pasar pola instalación de cámaras de videovixilancia ou a dotación para Lugo dunha unidade da UPR, que axudaría á prevención da delincuencia, así como o mantemento e, no seu caso, restablecemento da orde e a seguridade cidadá.
Dende o Grupo Municipal Popular non queren causar alarmismo, pero a sensación entre os cidadáns é de total inseguridade. “Polo ben da cidade, dos veciños e do tecido económico o goberno local ten que tomar cartas no asunto para evitar que esta situación empeore aínda máis”, apuntan.