Antonio Ameijide tamén insiste na colocación de cámaras de vixilancia no leiraparking, do mesmo xeito que Lara Méndez e Rubén Arroxo pretenden facer no Mercado e na Praza de Abastos, algo para o que o goberno local reserva 15.000€ nos orzamentos do vindeiro ano
Os concelleiros do Grupo Municipal do Partido Popular lamentan que o alto grao de reivindicación que sempre amosan dende o goberno local en todo o que ten que ver co Hula e a Xunta de Galicia, desaparece cando se fala das competencias municipais no entorno do hospital lucense.
Neste senso, Antonio Ameijide lamenta o esquecemento do goberno de Lara Méndez en canto ao aseo urbano e o mantemento na contorna do Hula, unha zona moi degradada, tal e como comprobaron os concelleiros populares durante unha visita que realizaron con veciños da zona.
Neste paseo realizado pola zona, puido comprobarse como o entorno está cheo de lixo, follas de árbores, máscaras de protección e outro tipo de residuos que semellan levar moito tempo tirados, sen obviar a vexetación que hai moito tempo que non se corta. “Urxe un plan de limpeza na contorna do Hula, xa que é unha zona pola que a diario pasan miles de lucenses, polo que debería de estar en perfecto estado”, apunta.
Outro dos cabalo de batalla nesta zona é o leiraparking, un aparcadoiro que o goberno local estreou por todo o alto e que quedou convertido nun ‘lamaparking’ dende a súa posta en funcionamento (outubro de 2018) ata hoxe, tempo no que non fixo outra cousa que acumular queixas por parte dos seus usuarios, debido ao total abandono no que se atopa.
Un aparcadoiro no que non hai que esquecer que a alcaldesa e o vicealcalde permiten a actuación dos gorrillas ao non facer nada para disuadilos da súa actitude, que o único que fai é xerar queixas entre os lucenses, cansos de ter que pagar “a extorsión” que piden estes aparcacoches. “Ata cando van a permitir esta situación Méndez e Arroxo. Ata cando van a seguir amparando á xente que se salta a lei impunemente ameazando, agredindo e danando propiedades privadas”, pregunta.
Unha situación ante a que os concelleiros populares insisten e reiteran a petición ao goberno local de instalar cámaras de vixilancia para poñer freo a esta situación ou, polo menos, axudar á identificación daquelas persoas que tentan extorsionar aos lucenses polo simple feito de aparcar os seus vehículos nunha parcela municipal.
Segundo o vicevoceiro popular esta proposta non debería de supoñer ningún problema para o goberno local xa que dentro do seu proxecto de orzamentos reserva unha partida de 15.000€ para a instalación de cámaras no Mercado e na Praza de Abastos, polo que “non se entendería que non as colocasen tamén no leiraparking onde semellan, polo menos, igual de necesarias”, sen esquecer que outros aparcadoiros municipais, como os soterrados das Prazas do Ferrol, Constitución e Santo Domingo contan cos seus respectivos sistemas de videovixilancia.
Explica o vicevoceiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Antonio Ameijide, que nin Lara Méndez nin Rubén Arroxo teñen o máis mínimo interese en solucionar os problemas que presenta esta infraestrutura, xa que o firme segue cheo de fochancas, lama e corredoiras da auga, o que dificulta moito a circulación por este aparcadoiro aos seus usuarios.ç
Unha intervención que se debería de acompañar de máis presenza policial e a creación dunha ordenanza de civismo para dotar de ferramentas legais á policía, para poñer coto á extorsión diaria que os gorrillas realizan a centos de lucenses que van ao Hula, xa sexa a traballar ou por razóns médicas, sen esquecer a necesidade de dotar a este aparcadoiro de iluminación, “unha das reivindicacións dos seus usuarios”.