A concelleira do Grupo Municipal do PP Macamen López lamenta a política de xestos de Méndez no que se refire á violencia de xénero, que nunca se reflicte en feitos, como a adhesión de Lugo a este protocolo que redundará nunha maior protección das vítimas de violencia de xénero
A concelleira do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Macamen López, segue a insistir na necesidade de que Lugo se una ao Vioxén, unha rede que traballa de xeito ordenado e coordinado na protección das mulleres vítimas de violencia de xénero.
Macamen López recalca a urxencia de que Lugo se una a esta rede, unha unión que se aprobou no pleno de outubro de 2019,a iniciativa do PP, pero semella que Lara Méndez prefire que o Concello de Lugo siga sen unirse a este plan, a pesar de que esta mesma semana a subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, destacou a importancia de que os concellos se unan ao VioXén. “Levamos moitos meses agardando a que se unan ao VioXén, a ver se agora que un cargo do PSOE destaca a súa importancia, Lara Méndez se decata da súa importancia e une a Lugo a esta rede”, subliñou.
A concelleira popular recorda que a maior parte dos concellos da provincia que teñen policía local están adheridos a este protocolo de colaboración, asinado no ano 2006 entre o Ministerio do Interior e a FEMP, xa que é unha ferramenta que ofrece aos concellos con policía local a posibilidade de establecer colaboración entre corpos de seguridade do Estado e a Policía Local para brindar unha protección maior ás mulleres vítimas de violencia de xénero.
Por este motivo, o Grupo Popular formulará novas preguntas en comisión para coñecer se o goberno local iniciou os trámites para que Lugo se una ao protocolo VioXén e, en caso afirmativo, cales son os trámites realizados ata o momento. Macamen López subliña que a protección das vítimas da violencia de xénero “é unha tarefa fundamental para toda administración pública”.