Jaime Castiñeira afirma que “os estudos técnicos avalan a proposta que tantas veces formulamos dende o Grupo Municipal do PP de que a zona de baño pública se sitúe fronte ao Pazo Universitario, no entorno da pasarela de Afonso X”
O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular, Jaime Castiñeira, pide ao goberno local que facilite copia dos informes técnicos en relación ás posibilidades de ubicación da praia fluvial.
A este respecto, apunta que “os estudos dos expertos avalan a proposta que tantas veces temos trasladado dende o noso grupo político”, en referencia á alternativa de que a zona de baño se localice fronte ao Pazo Universitario no entorno da pasarela de Afonso X. “Temos dito moitas veces que o noso proxecto era ubicar nese entorno a dotación, apoiándonos en moitos argumentos, sobradamente coñecidos, como a existencia dunha importante zona de aparcamento nas inmediacións e dunha pasarela sobre a N-VI para a conexión coa cidade”, destaca Jaime Castiñeira.
Nesa liña, o popular subliña que “o único que nos queda é lamentar a falta de alturas e o curtopracismo do goberno”, que se nega a recoñecer a autoría da proposta, “que, por suposto, non é só do PP senón que compartimos con milleiros de lugueses que se teñen bañado nese entorno ou que simplemente aproveitan esa zona para tomar o sol”. “Aínda así, o verdadeiramente importante é que esta dotación pública vaia para diante e que non quede noutro dos anuncios incumpridos con data de caducidade”, reflexiona Jaime Castiñeira, ao tempo que incide en que “non queremos pensar que este goberno local segue sen coñecer o municipio e que non saben nin por onde andan”.
Recuperación de caneiros e adquisición de terreos.-
Paralelamente, o voceiro popular reitera a necesidade de que, en colaboración técnica e económica de organismos como a Confederación Hidrográfica Miño-Sil e a Deputación Provincial, se proceda á reparación dos tres caneiros da zona: o de Lulo, o de Carlos e o da Tolda. “Son parte esencial do noso patrimonio histórico-cultural que non podemos permitirnos perder e, dende logo, o seu estado actual de deterioro – especialmente dos dous primeiros – fai que non poidamos ter grandes expectativas de que iso non acabe ocorrendo”, advirte.
Por último, o popular insiste en que se concreten “cronogramas e orzamentos” que reflictan “que existe unha vontade política real” por adquirir os terreos situados na confluencia do Parque do Rato e o Paseo do Miño. “É unha actuación que leva pendente dende que o PSOE accedeu ao goberno local a finais do século pasado e no que, a día de hoxe, cando xa transcorreu máis dun ano e medio do novo goberno, tampouco hai novidades porque os socialistas prefiren ter continuamente remanentes de tesourería en lugar de invertir nos lugueses”, conclúe.