O vicevoceiro popular Antonio Ameijide considera “lamentable” que “cando falta pouco para entrar no último trimestre do ano” aínda “non se saiba nada” do Plan de Emprego que os socialistas pretenden executar cos orzamentos de 2016
O vicevoceiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Antonio Ameijide, reclámalle á alcaldesa socialista “decencia política” para que “non caia na baixeza” de empregar con “fins electoralistas e partidistas” o Plan de Emprego Municipal, valéndose “da situación dalgúns lugueses para arañar uns cantos votos”.
“A ninguén se lle escapa que estamos a piques de entrar xa no último trimestre do ano 2016 e nada se sabe da posta en marcha deste proxecto”, apunta Ameijide, quen lembra que na Comisión de Contas celebrada “hai case dous meses”, o 23 de xuño, a edil de Economía e Emprego do goberno respondera a preguntas do Grupo Municipal do Partido Popular sobre esta cuestión comprometéndose a que o plan de emprego xa estaría comezado o 15 de xullo. “Pasou máis dun mes dende esa data sen que teñamos ningunha novidade ao respecto e agardemos que os socialistas non caian na tentación de presentalo ás carreiras e improvisando só porque se achegan a cita electoral do 25 de setembro”, subliña.
Nese senso, o vicevoceiro popular afonda en que “sería de moi mal gusto e outra mostra de total falta de ética deste goberno que se servisen de fondos públicos para facerlle a campaña ao que foi o seu compañeiro no Concello de Lugo ata hai ben pouco”. “Os lugueses teñen boa memoria e saben moi ben que o que o PSOE lugués lles ofrece é un dos máximos responsables de que a día de hoxe Lugo siga sen Plan Xeral e de que Lugo protagonizara día si día tamén os informativos nacionais pola folga de lixo máis longa da historia”, apunta Ameijide en referencia a Luís Álvarez.
Así mesmo, o popular incide en que “se hoxe non temos xa a un centenar de veciños traballando dende hai meses, así como un centenar de entidades sociais, asociacións ou empresas beneficiándose, é simplemente porque o goberno local non quere”, dado que “ten fondos económicos, orzamentos que dean soporte e todas as ferramentas ao seu alcance”. “É outra mostra máis da desconexión total que hai entre as verdadeiras preocupacións dos lugueses e a actitude e o comportamento dos socialistas”, sentencia.
Un plan “con sombras” dende o comezo.-
Por outra banda, cómpre lembrar que dende os primeiros momentos pesaron moitas sospeitas sobre a posibilidade de que no Concello se reproduzan as prácticas do Ben Empregado da Deputación, posto que como denunciara publicamente o voceiro do PP, Jaime Castiñeira, a mediados de xuño, poderíase estar proporcionando dende o goberno municipal información privilexiada para que persoas afíns ao PSOE e aos seus socios no Concello puideran acceder ás prazas incluídas no plan, segundo algunhas testemuñas, de xeito que terían recibido indicacións de códigos específicos cos que apuntarse na Oficina de Emprego.