Para o PP “é unha falta de ética que se usen fondos públicos para propaganda do partido e a autopromoción de Lara Méndez” e lembra que “o PP presentou, no ano 2004 e reiterou no ano 2014, a necesidade de elaborar unhas normas de uso da comunicación institucional dixital”
O Grupo Popular cre que xa é o momento de poñer coto ao manexo partidista da web e dos perfís institucionais das redes sociais que se utilizan para o autobombo da alcaldesa”. Dende o PP instan ao socio do bipartito a que “en aras da democracia e por respecto aos cidadáns” poñan freo ás prácticas pouco éticas que se están levando a cabo”.
Entre outras peticións, Ramón Carballo esixe “a retirada inminente” de todas aquelas notas de prensa que están publicadas na web institucional do Concello de Lugo e que son partidistas”.
Para o PP “é inaceptable o uso de recursos públicos para dar publicidade a novas na web municipal como a realizada o pasado día 11 de febreiro polo Secretario Xeral do PSOE Valentín Formoso”. “Non se trata dun comportamento inocente, senón que a confusión dos planos institucional e político é unha manobra premeditada”.
Os populares tamén reclaman “un maior respecto institucional para evitar que se substitúa a imaxe institucional do concello por publicidade particular da alcaldesa” e poñen como exemplo a chocolatada que fixo Lara Méndez para inaugurar a pasarela da N-VI que a presentou tras un atril cunha placa que poñía “Alcaldesa de Lugo”.
Ramón Carballo explica que “o goberno local debería mentalizarse de que ten nas súas mans unhas canles municipais onde non hai cabida para as mensaxes partidistas”. “Tanto a web municipal coma as redes sociais do Concello son para informar aos cidadáns non para adoutrinalos nin para lucirse á alcaldesa”.
Os populares lembran que dende o Grupo Municipal pediu hai anos un código de boas prácticas para evitar este tipo de inxerencias pero “o pensamento único dos gobernos de esquerdas aparcaron esta proposta nun caixón”.