Martes, 27 de agosto de 2024
- Os concelleiros populares Elena Candia, Antonio Ameijide e Flor Rubinos visitaron este espazo no que están todos os colectores retirados das rúas da cidade e das parroquias. Entre eles, aqueles danados por accidentes ou por incendios, así como os de cor marrón destinados a depositar os restos orgánicos
- O pasado 5 de xuño a alcaldesa anunciaba o inicio da colocación dos colectores marróns. Cando teñen transcorridos máis de 2 meses dende ese día, seguen a ter unha presencia mínima nas rúas e parroquias da cidade. Unha mostra máis da nefasta xestión do goberno, que non implanta unha medida obrigatoria dende o 30 de xuño (en base á lei 7/2022) e non por falta de medios, xa que hai un contrato que ascende a máis de 11 millóns de euros anuais.
- O Grupo Municipal Popular impulsará coñecer os motivos de depositar neste punto os colectores vellos en lugar de procesalos adecuadamente, se é que xa non poden dar servizo, ou almacenalos en instalacións adecuadas. De novo un exemplo do ecoloxismo hipócrita do goberno municipal.
- Antonio Ameijide sinala que “imaxes coma esta” non se corresponden cun goberno preocupado por coidar do medio ambiente: “semella que o único que queren é buscar un sitio onde tirar o que xa non lles serve como xa fixeron noutras ocasións nas Gándaras ou no Ceao, por exemplo”
- Os concelleiros populares denuncian que a nula preocupación de PSOE e BNG no Concello de Lugo por coidar do medio ambiente vese reflectida en accións coma esta e na nula preocupación por eliminar os vertedoiros incontrolados que hai nas parroquias
- Ameijide tamén pide “maior vixilancia e preocupación” ao goberno local polas súas propiedades xa que os edificios que hai fronte aos depósitos están “completamente vandalizados” e ademais están abertos e semella que algúns están ocupados
- A preocupación do goberno local por manter as súas propiedades “queda en dúbida unha vez máis” xa que teñen moitas delas abertas, con pozos ou maquinaria “sen ningún tipo de control”: “estas propiedades supoñen un risco moi grande, calquera pode entrar nelas e non queremos ter que lamentar ningunha desgraza”.