O vicevoceiro do PP Antonio Ameijide afirma que “cando hai trombas de auga, como a da pasada semana, os sumidoiros que hai nesta zona son insuficientes e, moitas veces, están tupidos con terra e lixo polo que, non absorben a auga que acaba apozando nos garaxes rúa do Hórreo”
O Partido Popular pide ao goberno socialista que adopte as medidas oportunas para evitar inundacións nun garaxe da rúa do Hórreo. O vicevoceiro popular Antonio Ameijide explicou que os veciños deste inmoble están indignados porque o Concello é coñecedor deste problema dende o ano 2013 xa daquela advertiron que “o deseño da rúa, situada entre Río Sil e Duquesa de Lugo, ten unha gran pendente e remata nunha depresión, o que propicia o apozamento da auga que discorre polas vías do entorno e que conflúen nesta rúa”. “Cada vez que hai trombas de auga entra sen control no interior do garaxe, provocando desperfectos en enseres e vehículos e tamén obrigando aos propietarios a pagar as posteriores limpezas da zona afectada” indicou o popular.
Os populares consideran unha falta de respeto que o Concello “non dé unha resposta e busque unha solución a este problema” lembrando que, nos dous escritos que os afectados presentaron no rexistro do Concello, reiteran que “as inundacións son continuas” e apuntan que “un dos motivos pode ser o tamaño reducido dos sumidoiros de augas pluviais insuficientes para absorber o volume de auga que se canaliza neste punto procedente das vías do entorno como Río Sil e Otero Pedrayo”.
Tanto na denuncia formulada o 15 de novembro de 2013, como a que se presentou o pasado 30 de maio de 2017, os veciños indican que estes sucesos provocan gastos continuos á comunidade así como o deterioro do inmoble, como consecuencia da humidade que leva aparellada este tipo de episodios.
Co obxecto de solucionar esta situación o vicevoceiro do PP anuncia que presentará un rogo en Comisión para que se corrixa o deseño desta vía, o popular tamén suxire que se estude a colocación de máis sumidoiros neste tramo onde conflúen as augas das rúas adyacentes.
Os populares, á vista dos últimos problemas rexistrados na cidade por mor da auga caída os días de treboada, consideran que é preciso poñer en marcha un Plan de Mellora con tres liñas de actuación: a primeira analizar se é necesario modificar deseños nas rúas onde son frecuentes as inundacións; en segundo lugar, estudar a implantación de medidas de drenaxe, máis eficaces, das augas pluviais e, por último, realizar un mantemento periódico, máis exhaustivo, dos sumidoiros. “Tendo en conta que podemos consultar a previsión do tempo hai que establecer unha rutina para que os sumidoiros destas localizacións estén perfectamente limpos durante todo o ano, e a maiores unha revisión dos puntos máis conflictivos cando hai previsión de treboadas ou das trombas de auga. Entre os puntos onde é preciso actuar figura Fontiñas, Duquesa de Lugo (á altura do MIHL e entre as pontes de Paradai); enlace Alfonso X con N-VI; Fermín Rivera (altura da capela), Avenida da Coruña ou nas Arieiras (urbanización Louzaneta).