Antonio Ameijide realiza esta petición tras ver como nos últimos días sucedéronse intervencións en diferentes zonas da cidade por desprendementos de lousas en edificios e mesmo o derrubamento da cuberta dun edificio na Praza do Campo, polo que urxe ao goberno local a garantir a seguridade de todos
Nos últimos días houbo numerosos casos de intervencións por desprendementos de lousas de tellados en diferentes edificios da cidade ou mesmo o derrubamento da cuberta dun edificio na Praza do Campo polo que cómpre un plan de actuación por parte do Concello de Lugo para garantir a seguridade dos lucenses.
Explica Antonio Ameijide que este problema non se centra unicamente nun punto da cidade, senón que se trata dunha realidade presente en todos os barrios, tal e como se puido ver onte na Milagrosa, onde os bombeiros tiveron que intervir para garantir a seguridade trala caída de lousas dun tellado dun edificio en Serra de Ancares, ou no Sagrado Corazón, onde os propios veciños e o PP levan meses denunciando o pésimo estado de varias vivendas, o que provocou xa varios desprendementos cara a rúa, poñendo en serio risco a integridade e a seguridade das persoas que pasan pola beirarrúa.
Outro exemplo que poñen sobre a mesa os populares é unha vivenda do Carme. Unha das paredes desta casa cada día está máis inclinada, tendo serio risco de caer, o que pode provocar o derrubamento da edificación e poñendo en risco a integridade dos edificios adxacentes ademais das persoas e vehículos que pasan pola rúa.
Segundo os datos facilitados polo goberno local, en outubro de 2020, en todo o termo municipal había unhas 360 vivendas en mal estado, localizándose un tercio das mesmas, 120, no ámbito PEPRI, polo que os populares urxen ao goberno local a poñer un marcha un plan para garantir a seguridade de todos os lucenses.
Desde o Grupo Municipal Popular realizaranse preguntas en comixión para coñecer a evolución da situación destes edificios e tamén para ter coñecemento de cantos expedientes se corrixiron e se hai novos expedientes iniciados de edificios en mal estado.