Ramón Carballo sinala que para solucionar os problemas de cobertura móbil estímase necesaria a construción de tres torres no municipio, para o que Retegal xa seleccionou as mellores localizacións pero segue agardando a que o Concello de Lugo poña os terreos a disposición
Nas numerosas xuntanzas mantidas polos concelleiros do Grupo Municipal do Partido Popular nas diferentes parroquias do Concello de Lugo sempre saen á luz varios problemas comúns na zona rural: necesidade de contar con abastecemento e saneamento, mal estado das pistas e necesidade de contar con fibra óptica e cobertura móbil.
Ante este último problema, no Grupo Municipal Popular seguen defendendo que estas redes cheguen a todas as parroquias lucenses, xa que é preciso para axudar a asentar poboación e empresas no noso rural.
Ramón Carballo explica que defenderán no pleno deste mes unha iniciativa para que o Concello de Lugo realice unha revisión das zonas de sombra de telefonía móbil para garantir este servicio na totalidade do territorio municipal e facilitar as parcelas precisas para a construción das torres que permitan dar cobertura conforme ao actual convenio.
Ademais, recorda o voceiro popular, que para garantir que a rede de fibra chegue á totalidade do municipio é preciso instar ás empresas adxudicatarias das axudas estatais a que doten dos servicios acordados na totalidade dos núcleos e realicen un informe detallado da situación da cobertura de fibra óptica de todos os núcleos e todas as parroquias.
A realidade é que a influencia de internet e a necesidade de comunicación a través da telefonía é tan grande que a día de hoxe pode considerarse unha necesidade básica, imprescindible para o traballo, o entretemento e para unha morea de actividades da vida cotiá.
Actualmente existe un convenio asinado entre Amtega e a Fegamp para a mellora da telefonía móbil en 15 núcleos do noso concello, un número que resulta escaso para a cantidade de parroquias que carecen deste necesario servicio.
En desenvolvemento deste convenio, Amtega concedeu unha subvención ao operador Vodafone para dar cobertura a eses núcleos e para chegar a este obxectivo faise preciso a execución das torres necesarias para dar a cobertura.
Como paso previo a que o concello poida adherirse ao citado convenio, é preciso identificar parcelas válidas para a colocación das torres que permitan dotar de cobertura a esas poboacións, parcelas que teñen que poñerse á disposición da Xunta de Galicia por parte do Concello de Lugo.
Estímase que é necesaria a construción de tres torres no municipio, para as que se seleccionou unha posible localización, que xa foi comunicada por Retegal ao concello e, na actualidade, a empresa está á espera de que dende o Concello de Lugo lle trasladen as posibles parcelas para a construción das torres que axuden a solucionar o problema da cobertura de telefonía móbil.
No referente á fibra óptica nestas, as actuacións derivadas de subvencións do Goberno de España para o Concello de Lugo non cobren a totalidade do municipio, quedando aínda numerosas zonas de sombra.