Servizos sociais

O PP pide ao goberno local “maior implicación e sensibilidade” coa violencia de xénero

By 18 Outubro, 2016Sin comentarios

 A popular Mari Teijeiro lamenta que os socialistas “estean a desentenderse” de ferramentas chave para previr e atallar a violencia de xénero, como a Mesa de Violencia de Xénero, o Protocolo interinstitucional ou o Pacto por un Lugo libre da lacra

A concelleira do Grupo Municipal do Partido Popular Mari Teijeiro reclama ao goberno local “maior implicación e sensibilidade” en materia de violencia de xénero, posto que “dá a impresión de que aos socialistas só lles interesan as vítimas un día ao ano e para facer oportunismo político partidista”, en referencia á celebración do 25-N. “Por suposto que estamos de acordo con que ese día se dea maior divulgación e difusión ás accións que ten emprendido o Concello de Lugo pero máis interesante sería que ese apoio fose sostido no tempo”, asegura, ao tempo que lle esixe “maior protección, maior amparo e maior preocupación”.

Nesa liña, a edil popular detalla que “existen numerosas ferramentas chave das que deberían dispoñer as mulleres do municipio pero que o goberno municipal non é quen de levar a cabo despois de varios anos, por máis que o reclamasemos en numerosas ocasións dende o Grupo Municipal do Partido Popular”. Entre elas, Teijeiro alude á Mesa de Violencia de Xénero, “que non se reúne dende hai case seis anos (en xaneiro de 2011) e que debera xuntarse cada tres meses”; ou á posta en marcha dun protocolo de prevención e actuación, así como a un acordo de boas prácticas, “que despois de ser encargado a unha empresa externa en lugar de encomendarlle a elaboración ao persoal municipal segue a durmir nun caixón”. “Son instrumentos que contribuirían á coordinación e a un traballo en rede non só para a resposta e atención ás vítimas senón tamén para anticiparse e previr agresións que non deberan ter cabida na nosa sociedade”, destaca.

Así mesmo, Teijeiro afonda en que “este goberno nin sequera é quen de cumprir cos anuncios públicos que realiza”, en referencia a dous dos compromisos anunciados polos socialistas: o desenvolvemento do Pacto Cidadán por un Lugo Libre de Violencia de Xénero “do que nada máis se soubo dende que o 23 de outubro a edil González Abelleira dixera que se renovaría anualmente”; ou o deseño do IV Plan de Igualdade, “pendente dende 2015, de xeito que o municipio leva case dous anos sen unha estratexia definida neste documento”.

Propostas para os actos do 25-N.-

Por outra banda, os populares, “conscientes tamén da necesidade de visibilizar a loita contra a violencia de xénero”, proporán, no marco dos actos do 25 de novembro, que o manifesto do Concello sexa lido por un alumno de ESO ou bachalerato dalgún centro lugués “para que contribúa a concienciar contra esta lacra aos seus pares ante o preocupante repunte da aceptación da violencia machista nesta franxa de idade”. Así mesmo, a edil Ana López, como representante do Grupo Municipal do Partido Popular no Foro de Igualdade, trasladará de novo a iniciativa de que o Concello celebre un pleno xuvenil para concienciar nesta materia, convocando aos alumnos dos institutos de ensinanza secundaria do municipio de Lugo para participar dunha iniciativa na que se aborden cuestións relativas á igualdade, á coeducación, á conciliación e á corresponsabilidade. “Son eixes vectoriais dunha acción transversal da que a administración local se pode converter en impulsora”, conclúen.

Responder

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies