O concelleiro do Grupo Municipal do Partido Popular, Rafael Pérez, reitera a necesidade de arranxar este treito da Avenida Reverendo Xosé Fernández Núñez xa que está repleta de baches, xa que, segundo explicaron os propios veciños, hai máis de 30 anos que se asfaltou e, dende entón, non se realizou ningunha actuación máis na zona
O concelleiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Rafael Pérez, faise eco das reclamacións dos veciños dun treito da Avenida Reverendo Xosé Fernández Núñez, que seguen a reclamar ao goberno local unha actuación nesta zona, concretamente entre as rúas Mar Cantábrico e das Fontes.
Rafael Pérez explica que neste punto o asfaltado da rúa é moi mellorable, xa que aseguran hai uns 30 anos que non se renova o mesmo, polo que os baches dificultan a circulación aos condutores. “Trátase dunha zona de menos de 100 metros que precisa dun asfaltado en quente que o Concello de Lugo pode realizar sen problema, o único que fai falla é vontade de querer arranxalo”, sinala.
O concelleiro popular tamén sinala que urxe unha mellora do aseo urbano da rúa. O problema neste punto é que unha parte da rúa é de titularidade privada, unha parcela que está sen pechar, polo que é de uso público, xa que son moitos os conductores que aproveitan esta zona para estacionar os seus vehículos. Ante esta situación, desde o Grupo Municipal do Partido Popular pídese ao goberno local que estudie a posibilidade de actuar tamén neste solar privado para deixar a rúa en boas condicións. A actuación que se podería desenvolver podería ser semellante á que se realizou hai varios anos na rúa Primavera.
Deste xeito, tamén se podería mellorar a limpeza da rúa, xa que os veciños teñen que soportar a suciedade que hai na rúa xa que non se limpa nin tampouco se procede a desbrozar, polo que, en ocasións, son os propios veciños os que realizan estas tarefas para mellorar a imaxe da rúa.