Servizos sociais

O PP pide ao goberno que “desencalle” cinco asuntos en materia de igualdade

By 8 Febreiro, 2017Sin comentarios

 A popular Mari Teijeiro afirma que “a igualdade non se pode desvincular da violencia de xénero”, xa que “mentres haxa un só caso de maltrato a unha soa muller, a igualdade continuará a ser unha materia pendente”

A concelleira do Grupo Municipal do PP Mari Teijeiro reclamaralle ao goberno local no foro de igualdade que se celebrará mañá que “desencalle” cinco asuntos nesta materia.

Nesa liña, a popular afirma que “a igualdade non se pode desvincular da violencia de xénero”, posto que “mentres haxa un só caso de maltrato a unha soa muller, esta continuará a ser unha materia pendente”. Deste xeito, Teijeiro detalla que “neste ámbito o Concello de Lugo ten moito por facer”, dado que “existen numerosas ferramentas chave das que deberían dispoñer as mulleres do municipio pero que o goberno municipal non é quen de levar a cabo despois de varios anos, por máis que o reclamasemos en numerosas ocasións dende o Grupo Municipal do Partido Popular”. Entre elas, alude á Mesa de Violencia de Xénero, “que non se reúne dende hai máis de seis anos (a última xuntanza foi en xaneiro de 2011) e que debera convocarse cada tres meses”; ou á posta en marcha dun protocolo de prevención e actuación, así como a un acordo de boas prácticas, “que nunca se chegou a sacar do caixón despois de serlle encargado a unha empresa externa en lugar de encomendarlle a elaboración ao persoal municipal”. “Son instrumentos que contribuirían á coordinación e a un traballo en rede non só para a resposta e atención ás vítimas senón tamén para anticiparse e previr agresións que non deberan ter cabida na nosa sociedade”, destaca.

Por outra banda, Teijeiro afonda en que “este goberno nin sequera é quen de cumprir cos anuncios públicos que realiza”, en referencia ao desenvolvemento do Pacto Cidadán por un Lugo Libre de Violencia de Xénero “do que nada máis se soubo dende que o 23 de outubro a edil González Abelleira dixera que se renovaría anualmente” e ao deseño do IV Plan de Igualdade, “pendente dende 2015, de xeito que o municipio leva dous anos sen unha estratexia definida neste documento”. “O que pon de manifesto todo isto é que a preocupación do goberno local por asuntos deste ámbito atópase en mínimos históricos”, valora.

Rede de Entidades Locais contra a Violencia de Xénero.-

A edil popular tamén critica que “o goberno socialista teña trasladado a súa “permanente estratexia de confrontación coa Xunta de Galicia” tamén ao ámbito da igualdade posto que non se ten adherido á Rede de Entidades Locais contra a Violencia de Xénero, unha iniciativa que puxeron en marcha conxuntamente en 2012 a Secretaría Xeral de Igualdade da administración autonómica e a Federación Galega de Municipios e Provincias. “Isto supón que polo capricho do goberno municipal Lugo non está a beneficiarse de programas asociados a ese proxecto nin obtén a máxima puntuación nalgunha convocatoria”, matiza.

Por último, a popular reclama aos socialistas “maior implicación e sensibilidade” en materia de igualdade, posto que “dá a impresión de que aos socialistas só lles interesan as vítimas un día ao ano e para facer oportunismo político partidista”, en referencia á celebración do 8 de marzo. “Por suposto que estamos de acordo con que ese día se dea maior divulgación e difusión ás accións que ten emprendido o Concello de Lugo pero máis interesante sería que ese apoio fose sostido no tempo”, asegura, ao tempo que lle esixe “maior protección, maior amparo e maior preocupación”. 

Responder

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies