O vicevoceiro popular Antonio Ameijide pide altura de miras á alcaldesa socialista xa que “se quere defender os intereses dos lucenses debería apoiar esta iniciativa para que Pedro Sánchez renuncie ao seu último sablazo fiscal que afecta maioritariamente ás clases medias e baixas”
O Grupo Municipal do PP súmase á ofensiva que leva a cabo en bloque, en distintas administracións, o Partido Popular para reclamar o Goberno de Pedro Sánchez que renuncie ao seu plan de impoñer un sistema de peaxes nas autovías españolas polo dano que a iniciativa ocasionaría na economía dos lucenses e das pequenas e medianas empresas.
O vicevoceiro popular Antonio Ameijide anunciou hoxe que no vindeiro pleno pedirán o apoio da alcaldesa para que inste ao Goberno de España a que desista de implantar un sistema de pago polo uso da rede estatal de estradas. “A alcaldesa socialista Lara Méndez terá que pronunciarse publicamente no pleno se está a favor do atropelo que pretende cometer Sánchez ou se defende os intereses dos veciños e veciñas de Lugo”.
Os populares explican que “dende Lugo debemos ter un posicionamento unánime e firme para evitar que Sánchez grave aínda máis a posición periférica de Galicia, xa que medidas como esta de cobrar por usar autovías poderían afastarnos ainda máis do resto do país”.