Tráfico

O PP pide fontes no Paseo do Miño e puntos de lavado de bicicletas

By 19 Decembro, 2016Sin comentarios

 O vicevoceiro do Grupo Municipal do PP, Antonio Ameijide, reclama ao goberno municipal “unha verdadeira sensibilidade cos ciclistas, que vaia máis alá de golpes de efecto mediáticos”

O vicevoceiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Antonio Ameijide, pide ao goberno municipal que dote de fontes o Paseo do Miño e que instale puntos de lavado de bicicletas en varias localizacións.

Nesa liña, Antonio Ameijide reclama “unha verdadeira sensibilidade coas persoas que practicamos este deporte que vaia máis alá de golpes de efecto mediáticos como o que pretendeu a alcaldesa o xoves pasado”.

“Unha das principais demandas dos usuarios do Paseo do Miño (e non só dos que o empregamos para correr ou ir en bicicleta) é a instalación de fontes públicas que permitan a hidratación, especialmente a dos máis pequenos que pasean por alí ou que empregan os xogos infantís da zona, actualmente en condicións de semiabandono”, explica o vicevoceiro popular. “É unha medida que tería un custe económico moi reducido para as arcas municipais e da que nos beneficiaríamos moitos veciños”, apunta.

Paralelamente, Antonio Ameijide tamén sinala “a conveniencia e oportunidade” de instalar puntos de lavado para as bicicletas en entornos onde estacionan os seus vehículos algúns dos usuarios dos ciclos. “Falamos de zonas como As Saamasas, a ponte romana, a confluencia entre o Miño e o rato, o Paseo do Rato ou as inmediacións do Monte Segade, unha área na que conviría unha actuación integral”, subliña.

Outros compromisos pendentes coa bicicleta.-

Por outra banda, o vicevoceiro popular alude a outros compromisos pendentes do goberno local, “que os distintos grupos políticos lle fomos poñendo na axenda”, como a recuperación do sistema de préstamo, a implantación dun programa que permita o uso turístico puntual dos ciclos ou a instalación de mallas metálicas sobre pasarelas de madeira que eviten caídas e esvaróns de corredores e ciclistas.

Finalmente, Antonio Ameijide anuncia que dende o Grupo Municipal do Partido Popular estaremos “moi vixiantes” de que a Deputación Provincial contemple nos seus orzamentos de 2017 os investimentos “tantas veces reclamados por este grupo político e aprobados no pleno municipal”, como a iluminación da marxe dereita da estrada LU-P-2902, a de Ombreiro “que forma parte da coñecida como ruta do ecolóxico”, e, “por suposto”, a colaboración económica da administración provincial para a adquisición dos terreos do enlace entre o Paseo do Miño e do Rato. “Aí é cando veremos se a alcaldesa de Lugo aplicou sobre a administración da que foi vicepresidenta polo menos un 1% da presión que exerce sobre a Xunta de Galicia ou o goberno central”, conclúe.

 

Responder

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies