O vicevoceiro do Grupo Municipal do Partido Popular, Antonio Ameijide, sinala que “a quince días de que comecen as clases da Universidade” hai “notables carencias” nas rúas das inmediacións do Campus
O vicevoceiro do Grupo Municipal do Partido Popular, Antonio Ameijide, reclama ao goberno municipal melloras de seguridade vial no entorno do Campus de Lugo.
Tal como explica o popular, “a quince días de que comecen as clases universitarias, os socialistas continúan sen dar resposta ás necesidades que dende hai tempo vimos sinalando dende o noso grupo político”. Nesa liña, subliña que “as carencias en materia de seguridade vial son notables”, especialmente no relativo ao repintado da sinalización horizontal.
Antonio Ameijide apunta que “o mellor exemplo da absoluta despreocupación e desinterese dos socialistas” é o estado no que se atopa a rúa Benigno Ledo, fronte á facultade de Humanidades. Deste xeito, salienta que “non só todas as prazas de estacionamento se atopan completamente borradas e varios pasos de peóns están totalmente despintados, senón que hai catro carrís de circulación que conflúen na rotonda da Avenida de Madrid e o acceso dende esta vía, sen que se saiba cales son as prioridades de paso”. “Mesmo un deles, nuns metros, pasa a ter sentido de circulación inverso, sen que haxa ningunha indicación ou sinalización horizontal que o reflicta”, sinala, ao tempo que incide en que “na rotonda que dá ao complexo deportivo das Pedreiras tampouco se aprecia nin unha soa marca”.
Por outra banda, o responsable de Tráfico e Mobilidade do Grupo Municipal do Partido Popular salienta que na Avenida Filarmónica Lucense, a de Estrada da Granxa “nunha vía de acceso que desloce o investimento millonario da Xunta de Galicia no CEBIOVET” e a rúa Carballo Calero, “na entrada dunha facultade tan emblemática como a de Veterinaria” son “outros exemplos paradigmáticos da desaparición do repintado horizontal”.
Así mesmo, o vicevoceiro popular asegura que “ademais de contribuír á mellora da seguridade de condutores e peóns, tamén atenderiamos ás necesidades de complexos deportivos como As Pedreiras ou dos usuarios do Pazo dos Deportes e as pistas de atletismo, que ven como a zona de estacionamento está desatendida por completo”.
Por último, Antonio Ameijide subliña que “temos un Campus á vangarda en docencia e investigación”, polo que é unha “verdadeira mágoa” que os socialistas non dean resposta dende o Concello e melloren “a imaxe física dunha zona universitaria que é referencia”.