Antonio Ameijide afirma que o acordo da xunta de goberno local desta semana para segregar as parcelas da Croa é outro paso para cumprir o que o PP leva anos demandando ao gobernos socialista para entregar as escrituras de propiedade aos veciños da Croa pero teme que unicamente sexa outra mentira máis do afán electoralista de Lara Méndez
Esta semana deuse un paso máis para despois de 24 anos de desidia de gobernos socialistas entregar as escrituras das vivendas da Croa aos lexítimos propietarios, unha situación que unicamente se debe ao pasotismo dos diferentes gobernos socialistas de Lugo, especialmente os últimos 8 anos de Lara Méndez.
Antonio Ameijide fai esta rotunda afirmación tras ver o acordo da xunta de goberno deste mércores, un acordo que se realizou despois de que hai xusto catro anos (en marzo de 2019) Lara Méndez anunciase a posta en marcha do proxecto de parcelación da zona onde se atopan as vivendas da Croa, seguindo o criterio marcado polas proposicións levadas a pleno en varias ocasións polo PP. Unha vez aprobado no Concello, o parcelamento e segregación, permitiría inscribir as parcelas no rexistro da propiedade para, posteriormente, entregarlle as escrituras aos lexítimos propietarios das vivendas. “Un proceso rápido e sinxelo, o que se podería realizar nuns 3 meses, como levamos anos pedindo dende o PP, pero que Lara Méndez o prolongou durante anos unicamente con fins electoralistas”, afirmou.
Lara Méndez antepuxo os seus intereses persoais aos destes veciños ao “xogar cos tempos electorais” para entregar as escrituras de propiedade aos veciños da Croa que levan 24 anos agardando por estes documentos. “As familias afectadas, ao non dispoñer do título de propiedade dos inmobles, non poden hipotecar ditas vivendas, avalar préstamos, e incluso, atopan moitas dificultades á hora de facer o testamento ante notario”, denunciou.
Antonio Ameijide lembrou como os veciños das quince vivendas unifamiliares, situadas no barrio de Albeiros, levan agardando polas escrituras dende que en febreiro do ano 2000 lles entregaron os inmobles. Foi unha das primeiras encomendas que o alcalde do Partido Popular, Joaquín García Díez, deixou pendente en 1999. Os populares lembran que a construción destas vivendas sociais foi aprobada na Xunta de Goberno Local do 17 de decembro de 1997, cun prazo de execución de nove meses e por un importe total de 103.530.141 pesetas. Recorda como foi un goberno do Partido Popular o que construíu estas vivendas en tan so dous anos e como os diferentes gobernos socialistas foron incapaces de asinar un documento para entregar as escrituras aos veciños en 24 anos.
Arranxo da zona verde
Os veciños da Croa tamén demandan ao goberno de Lara Méndez o asfaltado das rúas, o arranxo das beirarrúas e o peche da zona verde que hai ao carón das vivendas para evitar que se empregue como aparcadoiro e para protexer aos pequenos que usan esta parcela para xogar, xa que está adaptada como zona de ocio para os veciños ao contar con bancos.