Os populares presentan novas alegacións á resolución do 30 de decembro do expediente de responsabilidade, pedindo que se revogue a resolución do instrutor xa que para saber os motivos reais de que Lugo perdese a concesión da explotación da Fábrica da Luz é preciso practicar probas e saber que ordes políticas se deron nas reunión que se recoñecen na resolución do instrutor, pero das que non hai actas nin se sabe que se acordou o ordenou
Tras coñecer á resposta do instrutor do expediente da Fábrica da Luz ás alegacións presentadas polo Grupo Municipal do Partido Popular, o vicevoceiro do grupo, Antonio Ameijide explicaba hoxe que “pedimos a revogación” da resolución do 30 de decembro e que se tomen como base na investigación os feitos ocorridos nos 18 meses anteriores á caducidade da concesión da Fábrica da Luz, non só o momento da non solicitude da prórroga.
Antonio Ameijide explica que é preciso ter en conta todo o que sucedeu nese lapso de tempo (algo que no se realizou ao longo da investigación realizada polo instrutor) para coñecer con detalle “os motivos da perda da concesión da explotación e de ter que pagar 2,4M€ á empresa concesionaria por parte do Concello de Lugo”.
Durante eses 18 meses, tempo que transcorreu dende o inicio dos traballos ata a perda da concesión, houbo dilacións por parte do goberno local do Concello de Lugo xa que “non realizaron o seu traballo correctamente” polo que insistimos na “práctica de probas e toma de declaracións” a funcionarios xa que está probado que houbo reunións de traballo, nas que se trataba precisamente a solicitude de prórroga e outra serie de temas xurídicos, das cales non hai actas, nin datas de celebración nin nada que faga referencia ás mesmas, como recoñece o propio instrutor do expediente, “polo que consideramos imprescindible tomar declaración ás persoas que participaron destas reunións para que poidan explicar que se falaba e que ordes políticas se recibiron”.
Esta petición dos populares realizase a través dun novo documento de alegacións no que se considera que a resolución do instrutor do 30 de decembro “considérase contraria a dereito e seriamente perxudicial para o interese xeral municipal” polo que cómpre avanzar na investigación “para depurar as responsabilidades ás que houbera lugar”.
Neste senso, para o Grupo Municipal do Partido Popular é preciso que a investigación sexa global e non so contra dúas persoas como indica o asesor xurídico municipal a través do primeiro informe de iniciación do expediente. Para os populares, o asesor xurídico municipal, en lugar de sinalar aos presuntos culpables e informar cuestións deste expediente, debería de “absterse do procedemento de esixencia de responsabilidade ás autoridades xa que a súa obxectividade non pode estar garantida como membro do servizo de contratación que tramitou a adxudicación, ou asesor xurídico durante practicamente todo o proceso do contrato da Fábrica da Luz.
Antonio Ameijide insiste na necesidade de clarexar todo o que pasou nos citados 18 meses anteriores a caducidade da concesión, tempo no que, entre outras situacións, non se realizaron informes xurídicos sobre a conveniencia de solicitar a prórroga, a pesar de que realizou esta petición en varias ocasións o funcionario investigado neste procedemento. “De haberse realizado este informe xurídico teríase coñecido con exactitude o prazo máximo para a petición da prórroga”, sinalou.
Na resolución do instrutor do 30 de decembro pásase de longo de moitos aspectos “fundamentais” para saber que ocorreu arredor da Fábrica da Luz. É preciso practicar probas para saber se “houbo neglixencia” nas actuacións por parte do goberno local, tendo en conta como sucederon diversos feitos, como por exemplo que desde o Concello de Lugo se realizasen informes xurídicos para ditaminar se a empresa concesionaria podía entrar ou non nas instalacións da Fábrica da Luz pero o mesmo servizo municipal non realizou informe xurídico algún sobre a posible petición de prórroga da concesión.
Antonio Ameijide tampouco entende que por parte da instrución da investigación se negue a posibilidade de practicar probas e tomas de declaración aos implicados alegando que “se dilataría o procedemento”, pero non tiveron axilidade para asinar a prórroga da concesión de explotación.
Para os populares tamén é preciso aclarar por que se permitiu que dirixise este contrato un político publicamente vinculado a Adega, asociación que boicoteou a explotación da Fábrica da Luz, ou por que non se quere aclarar na investigación a dilación de mes e medio que tivo este ex concelleiro socialista para asinar a petición de prórroga sen ningún motivo. E o motivo de que non figure no expediente este documento e outros especialmente relevantes. “Resulta evidente que non quería sacar o contrato adiante, como tamén é evidente que non se quere realizar unha investigación detallada”, lamentou.
Como tampouco se ten en conta a necesidade de abstención das persoas implicadas no procedemento (Lara Méndez e o asesor xurídico municipal), que seguen informando e participando.
“Falamos dun expediente que se realiza para esclarecer que ocorreu na Fábrica da Luz e atopar aos responsables de que o Concello de Lugo tivese que asumir unha condena indemnizatoria de 2,4M €, polo que non se pode pechar o expediente sen realizar ningún tipo de proba, declaración ou investigación xustificando todo nas presas por resolver, xusto as que non tiveron para asinar a petición de prórroga da concesión en prazo”, concluíu.