A concelleira popular Ana López Pombo reclama ao goberno municipal que realice “un mantemento periódico” nas medianas e nos parques e xardíns do polígono das Gándaras, xa que neste momento “hai toxos que chegan á altura dunha persoa”
A concelleira do Grupo Municipal do Partido Popular Ana López Pombo urxe ao goberno local a realizar “un acondicionamento e mantemento periódico” das zonas verdes do Polígono das Gándaras, “incluíndo o parque infantil e o biosaludable que hai na rúa principal, así como as medianas”, posto que nalgunha delas a altura que acadaron os toxos e a maleza “chega á envergadura dunha persoa de estatura media”.
Tal como explica a edil popular, “son frecuentes e reiteradas as queixas pola imaxe selvática da zona, tanto de usuarios como de empresarios, que mesmo se viron obrigados a desbrozar á altura dos seus negocios para evitar que lles afecte a mala imaxe que ofrecen”. Nese senso, López Pombo afonda en que “di ben pouco dun goberno local que, pola inacción e despreocupación dos socialistas, os veciños se vexan obrigados a intervir en espazos públicos que son de todos”.
A edil popular explica que “é un feito evidente e innegable que, grazas ás bonificacións no prezo do solo implantadas pola Xunta de Galicia, o polígono das Gándaras ten cada vez maior actividade e, polo tanto, maior afluencia de compradores e usuarios dos servizos que nel se ofrecen”, polo que lamenta que “o Concello de Lugo non estea á altura do esforzo que todos os galegos fixemos alí e, nomeadamente, os emprendedores e empresarios que se instalaron alí”. “Os socialistas nin sequera son capaces de repoñer bancos que levan meses rotos nin de algo tan sinxelo como de recoller o lixo que se acumula nas zonas verdes e nas beiras das papeleiras, nin sequera de baleirar estes recipientes”, apunta.
Así mesmo, López Pombo apunta que “non ten ningún sentido que o Concello de Lugo lle esixira, no seu día, á Xunta de Galicia unhas condicións tan severas (como un céspede específico ou un rego automático) cando, a día de hoxe, estas zonas presentan un estado que non corresponde co investimento alí realizado”.
Por último, a edil popular reclama aos socialistas “unha maior sensibilidade e un maior compromiso” coas demandas e necesidades que presenta un polígono industrial “que é a envexa doutras moitas cidades galegas”, xa que “todos, menos o goberno municipal, somos conscientes da conveniencia de mellorar os servizos para traballadores, compradores e usuarios, comezando pola intervención no transporte público municipal, que segue sen reorganizarse para que haxa unhas rutas acaídas á demanda e sen unhas tarifas específicas para os empregados, como tantas veces reivindicamos dende o Grupo Municipal do Partido Popular”.